O NOVO MODELO DE XESTIÓN DO PAAR NO SIMPOSIO DO PROXECTO HÉCTOR

O xerente do Parque Arqueolóxico de Arte Rupestre de Campo Lameiro (PAAR), César Abella Vázquez da empresa TRIVIUM, foi convidado pola Université Paris-Sorbonne a presentar unha ponencia no Congreso sobre a Gobernanza Turística dos Itinerarios Culturais. Cooperación, Creatividade e Innovación. Unha actividade enmarcada dentro do proxecto HECTOR, financiado pola Comisión Europea no marco do programa Erasmus+ e organizado polas universidades de EIREST ( Université de Paris 1 Panthéon-Sorbonne), CAST ( Università di Bologna – Campus Rimini) e do Instituto Europeo de Itinerarios Culturais – Consello de Europa.

A comunicación tivo como idea principal amosar o deseño e implementación do novo modelo de xestión turística e cultural do Parque Arqueolóxico de Arte Rupestre de Campo Lameiro, un espazo arqueolóxico integrado dentro do Itinerario Cultural Europeo de Camiños de Arte Rupestre (CARP) dende o ano 2011.

O novo programa de acción ten por finalidade aumentar tanto o número total de visitantes, como o seu grao de satisfacción e de calidade na visita. Para iso, puxéronse en marcha diversos programas en relación á colaboración e activación da poboación local; o deseño e comercialización de novos produtos turísticos; nova estratexia comunicativa; o deseño e comercialización de actividades para público escolar e familiar; e a colaboración conxunta con universidades na organización de programas formativos para especialistas e público non iniciado. Un traballo que xa está dando froito en diferentes segmentos do público que visitan o Parque, especialmente o escolar e familiar.

img-20160929-wa0003imagenjordijuanotra-imagen-proyecto-hector