MEMORIA DO ANO 2016: REPENSAR O FUTURO DO PAAR

Crecemento porcentual dos usuarios próximo ao 21% 

Na obra novelística de Fred D’Aquiar a memoria convértese nun concepto temático recorrente, onde o pasado invade o presente e o futuro. Seguindo esta idea no PAAR temos que analizar polo miúdo os datos do ano 2016 para extraer conclusión válidas para mellorar xestión no día a día, e ao mesmo tempo, proxectar un horizonte de futuro.

O primeiro indicador de referencia é o número de usuarios que visitaron o PAAR no ano 2016. A cifra de 13.770 avance case un 21 % o conseguido no ano 2015. Observamos un crecemento notable no apartado de público xeral e colexios, sendo a único apartado que require dun cambio de estratexia a dos grupos organizados polo estancamento dos resultados

Estes datos globais soamente representan un dos indicadores que manexamos na nosa planificación estratéxica. Outro dos puntos positivos do ano foi a consolidación da nosa oferta formativa coa celebración de dous cursos de formación: “Técnicas de rexistro e interpretación da arte Rupestre” e “Curso de redución e fundición prehistórico do metal”. Unha liña que tentaremos fornecer no 2017 mediante o desenvolvemento de catro cursos ao longo do ano: “Iniciación á Fotogrametría”, “Avanzado de Fotogrametría”, “Arqueoloxía e Restauración”, “Narrativas da arte Rupestre” e “Foro de Turismo Arqueolóxico”. Chegamos a conclusión de que o PAAR pode e debe ser un referente no campo da arte Rupestre do Noroeste Peninsular para potenciar a súa imaxe de marca e establecer liñas de colaboración con escolas, museos e universidades.

Entre as actividades culturais programadas polo Parque o ano 2016 destacamos o éxito de público da exposición de “Figuras nas rocas. Un percorrido visual polos petróglifos de Galicia” de Xullo Gil, e o “Showcooking prehistórico” de man da empresa portuguesa PrehistoricSkill. Por outra banda, o público tamén valorou a diversidade de propostas coas visitas teatralizadas dos “Quinquilláns e Volta de dálle Teatro” e a “Xornada de Fundición” realizada por Aaron Lackinger (Uvigo).

Outra das novas liñas estratéxicas dentro do noso Plan Operativo 2015-2019 , coordinado por Jordi Juan Treserras (Universidade de Barcelona), establece a necesidade da creación de novos servizos culturais para adaptarnos as necesidades de lecer e cultura dos diferentes segmentos de público. No apartado escolar incorporamos novos obradoiros, destacando en especial o de “Sons da Idade do Bronce” e o de “Arqueólogos por un día”; e aproveitamos a nosa capacidade e destreza de equipa de didáctica para ofertar diversos talleres en Semana Santa e os fins de semana de xullo e agosto, concibido neste caso para satisfacer a un público familiar.

Un apartado especial merece NOITEPEDRAS, o novo formato de visitas nocturnas, gastronomía e lecer nocturno que lanzamos desde que asumimos a xestión do PAAR. No ano 2015 apostamos pola combinación de visitas nocturnas, música en directo e gastronomía tradicional de calidade. O seguinte ano quixemos darlle unha volta e trocar os percorridos e a comida, rematando por incorporar un NOITEPEDRAS de temática astronómica no mes de setembro, da man do astrólogo cultural Benito Vilas, que resultou dun éxito total, enchendo varios días todas as prazas dispoñibles. Isto mostra que outro do camiño que temos que traballar é a conexión da arqueoloxía coa astronomía. Tal como apuntounos no mes de agosto o prestixioso fotógrafo de paisaxes arqueolóxicas Ken Williams.

Outro dos novos servizos para o ano 2017 depende do espectacular achado o ano anterior do espectacular petróglifo “A manda de cervos de Excalibur” atopado na contorna do Parque. Despois da escavación, documentación e acondicionamento desta área por parte da Consellería de Cultura e Educación da Xunta de Galicia, temos a posibilidade de explicar a localización da “Pedra Rosetta” do conxunto dos petróglifos do Parque. Unha imporanche descuberta grazas o traballo dos investigadores Alia Vázquez e Benito Vilas (GEPN-USC) ao redor do mundo da fotogrametría e Arte Rupestre. A localización deste petróglifo vai supor unha revolución no discurso narrativo dos guías, e tamén na creación de novos itinerarios e actividades complementarias que nos axuden a comprender a súa importancia dentro do conxunto do Parque.

Pechamos a memoria do 2016 falando de como nos ven os usuarios. Neste caso omitiremos as nosa enquisas internas e poremos o exemplo das redes sociais, outro indicador fundamental para coñecer o grao de satisfacción dos visitantes do Parque. Por exemplo, na conta de Centro de Interpretación del Arte Rupestre de Campo Lameiro temos unha nota positiva: 15 críticas co cualificativo de excelente, 15 de moi bo, e 2 de normal. Entre os elementos máis valorados son a calidade das instalacións, a amabilidade e coñecementos dos guías, a espectacularidade dos petróglifos inseridos nun belo espazo natural. Pola contra, o negativo é o prezo da entrada e o emprazamento do Parque. Non podemos deixar de escoitar ao noso público.

Agradecementos a todos aqueles noivos da arte Rupestre. Como dicía Roberto Branco Torres: “Non se ama o que non se coñece”.