O Parque Arqueolóxico de Campo Lameiro presenta a súa oferta formativa para o ano 2017

O Parque Arqueolóxico de Campo Lameiro pretende seguir crecendo no eido da formación para o presente ano, mediante a programación de catro cursos relacionados coa Arte Rupestre: “Narrativas da Arte Rupestre galega” (Sábado, 8 de abril), “Metodoloxías e criterios para a redacción dun programa de mantemento de sitios arqueolóxicos con Arte Rupestre” (12, 13 e 14 de maio), “Técnicas de Documentación tridimensional sobre Arte Rupestre” (8 e 9 de xullo) e “Xornada profesional de Turismo Arqueolóxico” (7 de outubro). Unha proposta que combina as necesidades formativas de profesionais da xestión do patrimonio arqueolóxico (Restauradores, Arqueólogos, Técnicos de Turismo, Xestores Culturais, Guías Oficiais de Turismo) coa querenza da cidadanía por coñecer o seu patrimonio cultural.

Dentro das entidades colaboradoras contamos coa participación de cinco universidades (USC, Universidade de Vigo, Universidade de Minho e CSIC) dous centros de investigación (Incipit-CSIC e GEPN-USC), tres museos (Museo de Altamira, Museo de Pontevedra e Museo de Côa-Fundacion Côa Parque), dúas asociacións internacionais (Caminos del Arte Rupestre Prehistórico e IBERTUR) e a Escola Superior de Conservación e Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia. Entre os conferenciantes destacamos a presenza da nova Directora do Museo Nacional e Centro de Investigación de Altamira co seu relatorio “Altamira como recurso para el turismo”, modelo pioneiro na posta en valor da Arte Rupestre na Península Ibérica.

No primeiro curso “Narrativas da Arte Rupestre galega” (Sábado, 8 de abril) fíxose unha escolma dos diferentes relatos creados polos investigadores arredor dos petróglifos de Galicia e o norte de Portugal. De feito temos entre os conferenciantes dous investigadores de universidades portuguesas: Manuel Santos Estévez (Universidade de Minho) e Lara Alves (Universidade de Coimbra); e outros tres das universidades galegas: Carlos Rodríguez Rellán (USC-GEPN), Roberto Vázquez Rozas (Universidade de Vigo) e Beatriz Comendador (Universidade de Vigo). Ademais de José Manuel Rey García (Director do PAAR) e Antonio de la Peña (Conservador do Museo de Pontevedra). Actividade formativa concibida para afeccionados ao patrimonio cultural, docentes e profesionais do sector.

DESCARGAR O PROGRAMA EN FORMATO PDF

FORMULARIO DE INSCRICIÓN>>

Na seguinte actividade formativa,“Metodoloxías e criterios para a redacción dun programa de mantemento de sitios arqueolóxicos con Arte Rupestre” (12, 13 e 14 de maio), o Doutor en Historia Fernando Carrera, especialista en conservación da arte prehistórica, impartirá un curso de 20 horas coa idea de preparar aos profesionais da restauración e arqueoloxía na protección e conservación dos petróglifos, levándose a cabo unha práctica na Área Arqueolóxica do PAAR.

O seguinte curso tamén terá un horizonte práctico para os profesionais ou afeccionados á fotografía: “Técnicas de Documentación tridimensional sobre Arte Rupestre” (8 e 9 de xullo). José Pereira será o responsable de achegarnos aos fundamentos da fotografía e fotogrametría dun xeito sinxelo e dinámico.

A derradeira actividade formativa consiste no desenvolvemento nunha “Xornada profesional de Turismo Arqueolóxico” (7 de outubro), da man dos principais expertos en turismo arqueolóxico: Jordi Juan Treserras (Universidade de Barcelona-IBERTUR), Ramón Montes Barquín (Camiños da Arte Rupestre Prehistórica), Antonio Martinho Baptista (Director do Parque Arqueolóxico Vale do Côa), Pilar Fatás (Directora do Museo de Altamira). Agardamos que estas conferencias sexan unha fonte de inspiración para articular propostas para a dinamización turística do patrimonio arqueolóxico de Galicia.

Máis información en formacion@paar.es e no teléfono 986 69 60 66