XORNADAS DE NARRATIVAS DE ARTE RUPESTRE GALEGA: DIFERENTES OLLADAS E UN NOVO PETRÓGLIFO

O Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre de Campo Lameiro (PAAR) celebrou o día de onte o primeiro evento formativo do ano 2017: “Narrativas da Arte Rupestre Galega”. Máis de 50 persoas, entre os asistentes e os convidados, puideron coñecer diferentes relatos e discursos xerados a partir do estudo dos petróglifos galegos. Tivemos a sorte de escoitar na sesión da mañá as últimas liñas de investigación de Manuel Santos Estévez (Universidade de Minho), Carlos Rodríguez Rellán (USC-GEPN) e Roberto Vázquez Rozas (UVigo). E pola tarde Lara Alves (Universidade de Coimbra), Beatriz Comendador (UVigo), José Manuel Rey García (Director do PAAR), Antonio de la Peña (Conservador do Museo de Pontevedra) e o investigador Ángel Núñez Sobrino.

Dentro deste evento formativo estaba incluído un pequeno agasallo para todos os presentes: a presentación diante do público e a comunidade de arqueólogos e investigadores do novo petróglifo do Parque coñecido polo nome de “Chan da Isca” ou “A manda de cervos de Excalibur”. Fran Amexeiras, guía do Parque, foi o encargado de dirixir a visita guiada coa colaboración dunhas das persoas protagonistas da descuberta, Alia Vázquez, e a directora das actuacións de limpeza, escavación e posta en valor, Begoña Albertes. A partir deste momento este petróglifo intégrase dentro da familia de estacións rupestres do Parque coma un dos elementos de maior interese polo seu significado dentro do conxunto.

Na presentación destas xornadas o xerente do Parque, César Abella Vázquez, lembrou o plan formativo para o 2017, fundamentado en catro cursos relacionados coa Arte Rupestre deseñados coa idea de combinar as necesidades formativas de profesionais da xestión do patrimonio arqueolóxico e a querenza da cidadanía por coñecer o seu patrimonio cultural. O seguinte curso é o de “Metodoloxías e criterios para a redacción dun programa de mantemento de sitios arqueolóxicos con Arte Rupestre” (12, 13 e 14 de maio) no que agardamos chamar a atención de restauradores e arqueólogos interesados na realización de proxectos de conservación e posta en valor da Arte Rupestre.