APRENDER A CONSERVAR E PROTEXER Á ARTE RUPESTRE

Este fin de semana celebrouse o segundo curso do Plan Formativo 2017 no Parque Arqueolóxico de Arte Rupestre de Campo Lameiro (PAAR) co seguinte título: “Metodoloxías e criterios para a redacción dun programa de mantemento de sitios arqueolóxicos con Arte Rupestre”. Unha actividade coordinada por Fernando Carrera, profesor da Escola de Restauración de Bens Culturais de Galicia, que tiña como idea principal a de proporcionar aos profesionais do sector as ferramentas metodolóxicas necesarias para enfrontarse aos traballos de conservación dos petróglifos. Un tipo de patrimonio cultural que require dun tratamento excepcional pola súa fraxilidade diante das actividades humanas e naturais, e o seu emprazamento disperso.

Os alumnos do curso foron principalmente estudantes e profesionais do mundo da Arqueoloxía e Restauración, procedentes de Galicia e Cataluña. Entre as actividades máis sobresaíntes destacamos a posta en común dos coñecementos teóricos adquiridos, mediante unha sesión práctica dentro da Área Arqueolóxica do PAAR. Desta maneira é máis sinxelo acadar un coñecemento significativo da materia coa intención de aplicalo en proxectos de conservación e restauración da Arte Rupestre.

O seguinte curso do PAAR dentro do Plan Formativo 2017 “Técnicos de documentación tridimensional da Arte Rupestre” (8 e 9 de xullo), tamén terá un enfoque próximo á restauración pola utilidade da fotogrametría como o mellor sistema de rexistro e documentación da Arte Rupestre, así como unha ferramenta de primeira magnitude de cara aos proxectos de posta en valor, como podemos apreciar nas covas rupestres de Lascaux en Francia. Neste ocasión o curso estará impartido por José Pereira, experto na xestión de imaxes científicas ao servizo do patrimonio cultural.