CURSO EN FOTOGRAMETRÍA APLICADA AO PATRIMONIO CULTURAL (8-9 XULLO 2017)

O próximo evento formativo do Parque Arqueolóxico de Arte Rupestre de Campo Lameiro (PAAR) titulado “Técnicas de documentación tridimensional sobre Arte Rupestre” (8 e 9 de xullo) conta coa presenza dun dos máis destacados profesionais da fotografía tecno-científica no ámbito do patrimonio cultural. José Pereira é restaurador e conservador de bens culturais e especialista en imaxe dixital grazas a diferentes estudos en Documentación Audiovisual e Imaxe Científica, así como unha longa traxectoria como profesional, investigador e formador para diversas institucións. Dentro do mundo da Arte Rupestre é recoñecido pola súa participación no proxecto de investigación e preservación da Arte Rupestre Levantina “4D Arte Rupestre”, aínda que tamén participa noutros proxectos de fotografía comercial e forma parte da Asociación Española de Imaxe Científica e Forense.

O principal obxectivo deste actividade formativa é a documentación tridimensional dos bens culturais mediante o traballo de restitución fotogramétrica en bens mobles e inmobles para acadar unha documentación gráfica que permita a súa preservación, investigación e divulgación. O desenvolvemento do curso divídese en dous días, oito horas de formación cada día. A primeira parte xirará arredor da fotogrametría e posprodución dos modelos 3D, continuará coa análise da imaxe e finalizará coas posibilidades de divulgación e difusión deste tipo de proxectos. Os alumnos do curso coñecerán todas as aplicacións informáticas actuais e de maior calidade relativas á fotogrametría e tratamento da imaxe, tanto aquelas de pago como de software libre. O perfil do público destinatario é notablemente diverso: restauradores, arqueólogos, fotógrafos especializados, profesionais e persoas interesadas no proceso de documentación gráfica do patrimonio cultural.

O prezo do curso “Técnicas de documentación tridimensional sobre Arte Rupestre” (8 e 9 de xullo) é de 120 euros por 16 horas de formación durante dous días. O prazo de inscrición do curso ábrese o día 26 de maio e remata o 4 de xullo do 2017. Recoméndase a rápida formalización da matrícula porque as prazas son limitadas. Pódese facer directamente a reserva de praza dende a sección de cursos da nosa páxina web. Máis información no seguinte correo electrónico formacion@paar.es ou no teléfono 886 151 195.