I XORNADA PROFESIONAL DE ARQUEOLOXÍA E TURISMO NO PAAR DE CAMPO LAMEIRO

A Consellería de Cultura organiza unha actividade na que se dan cita algúns dos maiores expertos mundiais de arte rupestre e turismo arqueolóxico. A derradeira actividade formativa do ano organizada polo Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre de Campo Lameiro (PAAR) consiste no desenvolvemento dunha xornada profesional de “Turismo Arqueolóxico”, da man dalgúns dos principais expertos: Jordi Juan Treserras (Director de Ibertur e do LABPATC da Universitat de Barcelona), Ramón Montes Barquín (Xerente do Itinerario Cultural Europeo Camiños de Arte Rupestre), Felipe Criado Boado (Profesor de investigación do CSIC, Director do INCIPIT), Pilar Fatás (Directora del Museo Nacional y Centro de Investigación de Altamira).

Os contidos do curso estrutúranse arredor do coñecemento do estado actual dos principais proxectos arqueolóxicos de Galicia, dende a perspectiva de profesionais da administración e da empresa privada, valorando tanto a seu proceso dentro de socialización do patrimonio, coma a súa integración dentro dos servizos de turismo cultural. Ramón Montes comezará o curso coa charla “Do recurso arqueolóxico ao produto turístico” e Jordi Treserras Juan pechará a mañá con “Turismo arqueolóxico: o reto da comercialización dos destinos con patrimonio arqueolóxico”. Posteriormente pasaremos ao debate moderado polo Jose Manuel Rey, Director do PAAR. Pola tarde é o momento de Felipe Criado coa súa charla “Perspectivas europeas sobre o vínculo entre arqueoloxía e turismo”, e posteriormente Pilar Fatás cun caso concreto: “Altamira como recurso para el turismo”. De novo ábrese o tempo do debate moderado polo Director do PAAR que pechará as xornadas.

O público destinatario deste curso son os profesionais do sector turístico e arqueolóxico que traballen nas administracións locais como outras entidades públicas e privadas, ou que teñan interese polo tema. Tamén poder participar nesta experiencia formativa aqueles estudantes de turismo e arqueoloxía e disciplinas afíns.

A entrada á xornada profesional de “Turismo Arqueolóxico” é de balde, aínda que é obrigatorio formalizar a inscrición antes do 5 de outubro na sección de cursos  da nosa páxina web. Máis información no seguinte correo electrónico info@paar.es ou no teléfono 886 151 195.