CONCLUSIÓNS DA XORNADA PROFESIONAL DE TURISMO ARQUEOLÓXICO: MELLORAR A FORMACIÓN E OPORTUNIDADES DE NEGOCIO

O Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre de Campo Lameiro pechou a oferta formativa do ano 2017 coa celebración dunha xornada profesional de turismo arqueolóxico que contou coa presenza de profesionais e estudantes de diversos eidos chegados de toda Galicia: arqueólogos, técnicos de turismo e patrimonio, guías turísticos, empresarios de turismo, formadores, profesores, guías de museos e traballadores públicos. Máis de 50 persoas participaron nesta xornada arredor do turismo arqueolóxico de Terras de Pontevedra, Galicia e España.

Ramón Montes Barquín (Coordinador Técnico Camiños da Arte Rupestre Prehistórico) e Jordi Tresserras Juan (Director de Ibertur e do LABPATC da Universitat de Barcelona) explicaron pola mañá o lugar que ocupa Galicia e España no desenvolvemento de produtos turísticos asociados aos recursos arqueolóxicos e a súa vinculación co turismo cultural. Ramón Montes centrouse na Arte Rupestre, destacando o caso de Francia coma paradigma, e proporcionou algunhas ferramentas metodolóxicas para mellorar a xestión destes espazos, destacando o papel do Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre e Terras de Pontevedra en posicionarse como un espazo e destino de turismo arqueolóxico de calidade. Jordi Tresserras explicou pola súa parte as razóns que levan a España a situarse nos últimos postos do turismo arqueolóxico e a continuación pasou a definir posibles oportunidades empresariais e mecanismos para solucionar esta eiva, xa que o considera coma un segmento dentro do turismo cultural cun amplo espazo de crecemento en Galicia e España.

A continuación Felipe Criado Boado (Profesor de Investigación do CSIC. Director del Incipit) pretendeu explicar as relacións entre a arqueoloxía e o turismo en Europa, apoiándose nos estudos e traballos realizados como investigador do Incipit-CSIC arredor do impacto económico do turismo arqueolóxico, sendo o máis destacado o realizado precisamente para o Museo de Altamira. E por último foi a momento de Pilar Fatás (Directora del Museo Nacional y Centro de Investigación de Altamira) para explicar como se pode traballar dende un centro de interpretación público o turismo arqueolóxico, explicando a importancia de artellar diferentes liñas de colaboración coa comunidade local e axentes turísticos.