O PAAR APROXÍMASE AOS 15.000 VISITANTES ANUAIS

Crecemento por segundo ano consecutivo, destacando a subida do 55% no apartado de grupos organizados e un 18% máis de usuarios da páxina web

O datos de público do ano 2017 amosan unha consolidación do crecemento do número de visitantes do Parque. En relación ao ano anterior prodúcese un crecemento global do 6,5 %, chegando a cifra dos 14,773 usuarios. Este dato tamén atopa máis elementos positivos analizados polo miúdo. No eido do público escolar experimentouse unha subida do 4,5%, acadando unha cifra histórica dende a apertura do Parque con 111 centros escolares diferentes no mesmo ano. No público xeral tamén mellorouse o 5,3 % , observando unha desestacionalización das visitas ao longo do ano. O dato máis sorprendente foi o éxito dos grupos organizados coa cifra de 1512 visitantes, fronte os 970 do ano anterior, o que representa un avance do 55%.

No tocante a axenda de verán tivemos a sorte de contar con 700 visitantes totais que preferiron aproveitar outras experiencias que oferta o Parque. Dentro destas actividades destacaron outro ano máis as visitas guiadas especiais de Noitepedras, e tivo unha gran acollida o novo formato de visita guiada aproveitando a caída do sol de dúas horas de duración, coñecida pola denominación de Atardeceres. Outra fórmula que continúa atraendo público son as visitas teatralizadas dos Quinquilláns e Volta e Dálle e os obradoiros arqueolóxicos impartidos polos guías do Parque. Tamén tiveron un notable impacto outra serie de actividades singulares coma o Concerto de Neonymus “Ultra-humano”, “Un día na Idade do Bronce” de Prehistoric Skill e “Petróglifos e Estrelas” de Rutea.

Os catro cursos de formación viñeron a fornecer o papel do Parque coma un espazo de referencia no eido da divulgación da Arte Rupestre acadando a cifra de 150 alumnos. Este ano organizamos dous cursos especializados para os profesionais da restauración, “Metodoloxía e criterios para a redacción dun programa de mantemento de sitios arqueolóxicos”, ou próximos ao mundo da fotogrametría, “Técnicas de documentación tridimensional sobre Arte Rupestre”. Despois os outros cursos tiveron un formato máis aberto ao público xeral para que coñezan as últimas liñas de investigacións arredor da Arte Rupestre de Galicia, “Xornadas de narrativas da Arte Rupestre Galega”, e un curso con expertos internacionais arredor da necesaria interacción entre arqueoloxía e turismo: “Xornada profesional de Turismo Arqueolóxico”.

Outro dos indicadores fundamentais para explicar os datos comentados anteriormente son as redes sociais e o noso posicionamento en Internet. O ano 2017 tamén foi testemuña do número récord de enlaces á nosa páxina web, un total de 1370, e o dato de 13.880 usuarios únicos, progresando un 18% en relación o ano anterior e que veñen acompañados da superación dos de 5000 seguidores e “me gusta” na nosa dirección de Facebook.

 

Arqueología experimental con niños