BASES DO I CONCURSO FOTOGRÁFICO “ENFOQUES RUPESTRES”

O Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre de Campo Lameiro (PAAR) organiza o “I CONCURSO FOTOGRÁFICO “ENFOQUES RUPESTRES”. O obxectivo deste concurso é a promoción e difusión da arte rupestre e o Parque Arqueolóxico entre os usuarios das redes sociais Facebook, Instagram e Twitter.

BASES DO CONCURSO
1. Poderán participar no presente concurso calquera persoa física que durante o período de validez da presente campaña participe na acción segundo se propón nos termos descritos nestas bases.
2. A participación no concurso é gratuíta e non require inscrición.
3. O período de recepción de fotografías vai dende o día 15 de Xullo de 2019 ata o día 15 de Agosto de 2019, ambos inclusive.
4. Para que unha fotografía entre en concurso debe seguir os seguintes pasos:
a) Facer unha foto interior ou exterior do Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre e a súa contorna e enviala ao enderezo enfoques@paar.es, xunto cos seus datos persoais de contacto (nome e teléfono).
b) A fotografía dixital non pode exceder os 9.9 Mb de tamaño.
5. Aquelas persoas que non realicen tódolos pasos obrigatorios ou o fagan de forma errónea, a criterio da organización, non poderán optar ao premio na presente convocatoria.
6. As persoas participantes poderán enviar tantas fotos como desexen, aínda que non se terá en conta a cantidade das mesmas, senón a calidade de cada una delas, de forma individual.
7. Unha vez finalizado o prazo de presentación de fotos, a organización fará unha selección das 10 mellores fotografías. Para a súa elección valorarase, entre outras características, a calidade, a creatividade, orixinalidade, a estética, valorando especialmente o ter potenciado os valores patrimoniais arqueolóxicos, artísticos, antropolóxicos e/ou paisaxísticos da arte rupestre e Parque Arqueolóxico. Estas dez instantáneas subiranse ás redes sociais oficiais do PAAR (Facebook, Instagram e Twitter) e aquelas que obteñan un maior número de “gústame” no prazo indicado serán as fotografías gañadoras do concurso, co 1º, 2º e 3º posto en relación correlativa ao número de “gústame”.
8. A organización do concurso resérvase o dereito de anular o presente concurso, suspendelo, ou ben cambiar algunhas das súas condicións se por causas técnicas ou de calquera outra natureza allea á súa vontade non puidera cumprir co normal desenvolvemento do mesmo, segundo o establecido nas presentes bases.
9. As persoas concursantes ceden os dereitos de imaxe das súas fotografías para que a empresa concesionaria poida usalas para promover, por calquera medio de comunicación, o Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre de Campo Lameiro.
10. A participación no concurso implica a total aceptación das presentes bases e das posibles decisións que adopte a organización.

PREMIOS
11. Os premios son os seguintes:
1º Premio: premio en metálico de 100€
2º Premio: premio en metálico de 75€
3ª Premio: premio en metálico de 50€

12. As fotografías finalistas serán seleccionadas nun prazo de 15 días á finalización do concurso e anunciaranse a través das redes sociais oficiais do PAAR de Facebook, Instagram e Twitter o 1 de setembro, polo que se recomenda seguir as contas regularmente.
13. Establécese o prazo entre o 1 de setembro á hora de publicación e o 15 de setembro ás 00.00 como período no que se poden realizar interaccións “gústame” no Facebook, Instagram e Twitter oficiais do PAAR. Rematado este prazo, resultarán gañadoras as fotografías que obtiveran un maior número de “gústame”.
14. A organización porase en contacto coas persoas gañadoras a través do teléfono facilitado unha vez rematado o prazo de votación.
15. Dentro dos 15 días seguintes á finalización do concurso, crearase un álbum na páxina de Facebook do PAAR e doutras redes sociais cunha selección das fotos recibidas incluídas as gañadoras.

PROTECCIÓN DE DATOS DE CARÁCTER PERSOAL
16. As persoas participantes aceptan, mediante a súa participación no concurso, que os contidos e comentarios que vaian ser publicados en Facebook e Instagram poidan ser compartidos co resto de usuarios de Facebook e doutras redes sociais.
17. Non é necesario rexistro previo en ningunha aplicación, nin a organización vai recoller dato ningún de inscrición posto que a participación é pública e gratuíta. Excepto no caso dos gañadores; que, para a entrega dos premios, se recollerán os seus datos persoais.

RESPONSABILIDADES
18. A organización resérvase o dereito de denunciar e pedir a eliminación da fotografía, se algunha imaxe vulnera dereitos intelectuais, persoais, resulta ofensiva ou discriminatoria.
19. A organización resérvase o dereito de denunciar e pedir a eliminación de calquera comentario, se algún deles vulnera dereitos persoais, resulta ofensivo ou discriminatorio.
20. A organización resérvase o dereito de anular calquera participación ou a calquera participante, se se teñen sospeitas dunha manipulación incorrecta dos datos ou do concurso.
21. A organización resérvase o dereito de rexeitar ou excluír da participación do concurso a calquera participante que non reúna os requisitos descritos nas presentes bases e os seus termos de participación ou contraveña as normas ou finalidade do concurso.
22. A organización non se responsabiliza das posibles perdas de datos por problemas e/ou mal funcionamento das redes sociais ou da internet. Ademais a organización exclúe calquera responsabilidade polos danos e prexuízos de toda natureza que, a pesar das medidas de seguridade adoptadas, puideran deberse á utilización indebida dos servizos e dos contidos por parte dos usuarios/as, e, en particular, aínda que non de forma exclusiva, polos danos e prexuízos de toda natureza que poidan deberse á suplantación de personalidade dun/unha terceiro/a efectuada por un/unha usuario/a en calquera clase de comunicación realizada a través do portal.
23. Igualmente, a organización exclúe toda responsabilidade polos danos e prexuízos de calquera natureza que puidera deberse ao uso indebido, manipulación ou mutilación que os usuarios/as ou terceiros/as non autorizados/as puideran realizar ao respecto do contido xeral da presente páxina, así como da vulneración dos dereitos da propiedade intelectual que puidera producirse.

En Campo Lameiro, 1 de xullo de 2019. Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre.