Exposición

Un suxestivo e innovador espazo expositivo permite coñecer os petróglifos de Galicia, aprender como foron executados, identificar os motivos e esceas máis frecuentemente representados, penetrar no seu significado e mesmo coñecer as formas de vida dos seus creadores.
Sector 00.
RASTROS DO PASADO.

Explora os cambios no sentido e percepción dos petróglifos dende o momento da súa creación ata a actualidade. A presenza dos petróglifos nas lendas elaboradas pola sociedade campesiña galega, a súa conversión en obxecto de estudo científico a mediados do século XIX e a súa consideración como unha forma de patrimonio cultural xenuinamente galega despois, son algúns dos temas que se abordan neste espazo.
Sector 01.
ENIGMAS NAS PEDRAS.

Un espazo evocador, un bosque de signos e símbolos presenta os principais motivos xeométricos e figurativos presentes nos petróglifos galegos, e ponos en relación con outros conxuntos europeos de gravados rupestres cos que comparten semellanzas.
Sector 02.
BUSCA E ESTUDO.

A figura de Ramón Sobrino Buhigas e o seu Corpus Petroglyphorum Gallaeciae preside un ámbito destinado a presentar as primeiras etapas da investigación dos petróglifos de Galicia, no que o visitante poderá coñecer o importante labor de institucións como a Sociedade Arqueolóxica de Pontevedra e dalgúns dos máis relevantes investigadores.
Sector 03.
DESVELANDO OS ARQUIVOS DA TERRA.

Este sector ilustra ao visitante sobre o proceso de reconstrución do pasado a través da investigación arqueolóxica. Nel poderá coñecer o traballo dos arqueólogos nun xacemento, as diferentes técnicas de documentación e o rexistro dos gravados rupestres, e a análise das mostras no laboratorio por parte doutros especialistas para axudar a reconstruír os modos de vida dos nosos antepasados.
Sector 04.
HAI 4000 ANOS.

A través de diferentes recursos e sistemas expositivos, o visitante poderá coñecer como a agricultura e a gandería garantían a subsistencia dos homes e mulleres da Idade do Bronce, cales eran as principais producións da súa cultura material, ou como construían as súas cabanas ou enterraban aos seus mortos.
Sector 5.
PEDRA CONTRA PEDRA.

Grazas á arqueoloxía experimental podemos reconstruír os procesos de execución dos petróglifos, e coñecer as técnicas e os útiles que os nosos antepasados puideron utilizar para realizalos.
Sector 6.
OUTRA OLLADA.

Este sector intérnase nalgunhas das composicións máis complexas dos petróglifos galegos: as representacións de cervos, as escenas de caza e monta, e a exhibición de armas, un conxunto de imaxes que poden relacionarse coa acentuación da desigualdade social e co incremento do poder individual que se produce neste momento no continente europeo.
Sector 7.
NOVOS ENIGMAS.

Un espectacular audiovisual trasládanos á época na que se realizaron os petróglifos e preséntanos distintas hipóteses que, na actualidade, formulan os investigadores para explicar o sentido que encerran.
Sector 8
A CONSERVACIÓN DA MEMORIA

Os petróglifos son fráxiles e vulnerables. Co paso do tempo sufriron un lento proceso de deterioración no que interviñeron tanto causas naturais como a acción humana. Este sector ten como obxectivo concienciar aos visitantes sobre a fraxilidade da arte rupestre, e persuadilos da necesidade de promover unha actitude positiva cara a súa conservación.