CARTEL A3 CAMPO LAMEIRO PRIMAVERA 2024 v2
CARTEL A3 CAMPO LAMEIRO PRIMAVERA 2024_bc

PRIMAVERA DE MOURAS E ARTISTAS

O Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre de Campo Lameiro, institución dependente da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, deseñou para esta primavera unha anovadora e ambiciosa programación trimestral que axude a consolidar o éxito de visitantes acadado o pasado ano, achegando o patrimonio a todos os públicos con propostas que integran a aprendizaxe e o lecer.

O título escollido nesta ocasión, “Primavera de mouras e artistas”, pon o foco nalgunhas das achegas e interacións fundamentais das mulleres na creación do legado patrimonial próximo, tanto material como inmaterial. Polo tanto, a indagación sociolúdica sobre as achegas femininas ao longo da historia formarán parte das actividades, talleres e eventos durante os próximos meses.

Patrimonio onte e hoxe: do ClicKultural á lembranza de Sobrino Buhigas

Precisamente, este mesmo sábado, 9 de marzo, o centro arrinca coa celebración da II edición de ClicKultural, unha cita que pretende converterse en referente no eido da divulgación patrimonial no noroeste peninsular. Trátase dunha actividade de formación aberta ao público, previa inscrición no formulario web sito en www.paar.es, que ten como obxectivo dar a coñecer e visibilizar algunhas das mellores iniciativas levadas a cabo por persoas e entidades galegas nos eidos da comunicación, a divulgación e posta en valor do patrimonio cultural.

Desta volta, o evento reunirá a sete persoas, con proxectos e puntos de vista diferentes e plenamente orixinais sobre o noso patrimonio cultural. En concreto, ClicKultural contará coa participación de dúas persoas historiadoras da arte e divulgadoras dixitais de primeiro nivel estatal nos eidos da cultura e o patrimonio, como son Eugenia Tenenbaum e Miguel Cajigal “El Barroquista”, protagonistas dun debate que se promete orixinal, ao estar enfiado coas propias propostas e preguntas achegadas polo público participante.

Ademais, tomarán parte outros profesionais e expertos como Mariña López, que falará de “Sereas. As mulleres do mar” da fundación FUNDAMAR e FUNPROMAR, un proxecto que ganduxa a relevancia social e patrimonial; as viguesas Leticia e Patricia Pérez, que presentarán Troulanda, unha axenda en liña centrada no turismo cultural efémero de Galicia e o norte de Portugal; ou David Gesteira, que lle achegará ás persoas participantes todos os segredos do recoñecido podcast “Descifrando a Historia”. Para rematar, incorpóranse a este ClicKultural antropólogos e xornalistas orientados á divulgación de aspectos relacionados co rico patrimonio inmaterial de Galicia, como Lidia Mariño, que achegará a ollada etnográfica mediante o seu relatorio “Tralas pegadas da Vella”, ou Manuel Rial, xornalista e xestor cultural dixital, que disertará arredor das súas experiencias como xestor de redes en proxectos e institucións relacionadas coa salvagarda, activación e difusión patrimonio cultural de Galicia.

Máis adiante, o 17 de maio celebraremos o Día das Letras Galegas lembrando a figura do pai da arte rupestre de Galicia, Ramón Sobrino Buhigas, caracterizado polo guía turístico e divulgador Suso Martínez, que ofrecerá unha visita teatralizada na que se combinará a relevancia cultural e a pertinencia científica co lecer e entretemento propio dunha actividade destas características.

 

Ampliación de horarios e renovadas actividades familiares

A chegada da primavera aumenta o interese dos visitantes por coñecer a paisaxe histórica de 22 hectáreas de extensión e máis de 100 petróglifos, polo que é necesario ofrecer visitas guiadas diarias pola mañá e tarde (12:30-17:30 h.). Por outra banda, o público familiar que visita principalmente o Parque os fins de semana terá á súa disposición novos obradoiros como “Adornos con historia” e “As primeiras artistas”. No primeiro deles, os máis novos aprenderán a facer un colar como o que temos na exposición permanente composto de variscita e ámbar; e, no segundo, os participantes elaborarán unha postal inspirada na arte prehistórica europea.

Pechamos a programación coa actividade que sorprendeu o ano pasado polo seu elevado número de reservas: o escape room. Este ano deseñamos unha actividade aínda máis espectacular e unha temática que evoca a unha figura mítica do folclore galego: “O tesouro da moura”. Pode facerse todos os días en grupos de 2 a 5 persoas e en tres quendas distintas (16:00-16:15-16:30h.) polo interior do Centro de Interpretación.

 

Para reservar calquera das actividades pode facerse directamente no web www.paar.es

CLICK CULTURAL 2024

CLICKULTURAL 2024, DIVULGACIÓN DO PATRIMONIO GALEGO

O PAAR ABRE A MATRÍCULA EN CLICKULTURAL, UNHA CITA FORMATIVA PARA ACHEGARSE Á DIVULGACIÓN DO PATRIMONIO GALEGO NA REDE.

Trala boa acollida que tivo a primeira edición de ClicKultural, o Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre de Campo Lameiro, centro dependente da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, celebrará o vindeiro sábado 9 de marzo unha nova cita deste evento arredor da divulgación do patrimonio na(s) rede(s), que pretende converterse en referente neste eido no noroeste peninsular.

Trátase dunha actividade de formación aberta ao público, previa inscrición na plataforma de reservas da web www.paar.es , que ten como obxectivo dar a coñecer e visibilizar algunhas das mellores iniciativas levadas a cabo por persoas e entidades galegas nos eidos da comunicación, a divulgación e posta en valor do patrimonio cultural. A actividade ten un custo de 15 euros e unha duración de 8 horas coa posibilidade de entregar certificado de asistencias ás persoas que o soliciten.

 

Sete olladas sobre a divulgación patrimonial
Nesta segunda edición, o evento reunirá a sete persoas, con proxectos e puntos de vista diferentes e plenamente orixinais sobre o noso patrimonio cultural. En concreto, ClicKultural contará desta volta coa participación de dúas persoas historiadoras da arte e divulgadoras dixitais de primeiro nivel estatal nos eidos da cultura e o patrimonio, como son Eugenia Tenenbaum e Miguel Cajigal “El Barroquista”, protagonistas dun debate que se promete orixinal, ao estar enfiado coas propias propostas e preguntas achegadas polo público participante.

Tamén tomarán parte outros profesionais e expertos como Mariña López, que falará de “As Sereas. As mulleres do mar” da fundación FUNDAMAR e FUNPROMAR, un proxecto que ganduxa a relevancia social e patrimonial; as viguesas Leticia e Patricia Pérez, que presentarán Troulanda, unha axenda en liña centrada no turismo cultural efémero de Galicia e o norte de Portugal; ou David Gesteira, que lle achegará ás persoas participantes todos os segredos do recoñecido podcast “Descifrando a Historia”. Para rematar, incorpóranse a este ClicKultural antropólogos e xornalistas orientados á divulgación de aspectos relacionados co rico patrimonio inmaterial de Galicia, como Lidia Mariño, que achegará a ollada etnográfica mediante o seu relatorio “Tralas pegadas da Vella”, ou Manuel Rial, xornalista e xestor cultural dixital de Trivium, que disertará arredor das súas experiencias como xestor de redes en proxectos e institucións relacionadas coa salvagarda, activación e difusión patrimonio cultural de Galicia.

+Información:

Descarga o programa: Programa de ClicKultural 2024

PROGRAMA DE LAEROS 2023 web
LAEROS 2023
CARTEL LAEROS 2023 web
CARTEL LAEROS 2023_2
CARTEL LAEROS 2023_1
CARTEL LAEROS 2023

LAEROS 2023: FESTIVAL DA ARTE RUPESTRE DE GALICIA

Este ano celebramos o 20 de agosto a segunda edición de “LAEROS”, o Festival da Arte Rupestre de Galicia, organizado polo Concello de Campo Lameiro coa colaboración do Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre (PAAR) e o orgullo de engadir á consideración de Campo Lameiro como a “Capital galega da Arte Rupestre”, o título de “Capital de Turismo Rural de España” 2023 polo portal EscapadaRural.

 

PROGRAMA DE LAEROS 2023

“LAEROS” é un evento lúdico e festivo para “vivir a prehistoria”, concretamente a época dos petróglifos, con diversas actividades no eido da arqueoloxía experimental, música e gastronomía. Comezaremos o domingo pola mañá cun espazo na entrada do Centro de Interpretación dedicados a obradoiros e exhibicións relacionadas coa cerámica prehistórica realizados pola Fundación Terra Termarum de Castrolandín, a cooperativa Árbore Arqueoloxía, o equipo de Didáctica do PAAR e a arqueóloga e investigadora Cris Segade. A continuación, dentro da Área Arqueolóxica observaremos o lento proceso de elaboración de carne de vacún ao espeto, e outro espazo reservado para exhibicións e obradoiros de caza, pintura e graffitis. Máis adiante, seguimos co mercado de artesanía que nos indica a proximidade do poboado da Idade do Bronce, onde teremos a ocasión de ollar unha recreación da vida cotiá da tribo dos “LAEROS” que ocuparon fai miles de anosa o curso medio do Val do Lérez. Esta actividade conta coa presencia da asociación de recreación histórica Tir Na n’Og e a asociación de mulleres de Campo Lameiro. A arqueóloga Nina aproveitará para explicar o seu traballo de construción dunha nova cabana do poboado.

O apartado musical corresponderá na sobremesa da comida ao grupo Cantos da Terra. Os Encerrellados continuarán ás 17:00 horas, e unha hora depois, teremos a oportunidade de gozar  dunha visita guiada-musical de Cantalúa ás 18:00 horas. Pechará o evento de novo o grupo Os Encerellados ás 20:00 h.

Agardámosvos coa vestimenta que vos permita “vivir a prehistoria” e así gañar o premio “LAEROS” de 200 euros para consumir no comercio local. E por último, lembrade de reservar axiña o voso lote de asado de vacún (1o ou 20 persoas) porque é a única maneira de garantir a túa participación no xantar prehistórico de “LAEROS”.

 

 

 

 

Capital Turismo Rural 2023
Programación de verán do PAAR
Concerto Carlos Núñez 3
Capital Turismo Rural 2023
06 Forneiriña e cabalos

VERÁN NA CAPITAL DO TURISMO RURAL DE ESPAÑA 2023

 

Este ano o Parque Arqueolóxico de Arte Rupestre de Campo Lameiro, institución dependente da Consellería de Cultura, Educación e Universidade da Xunta de Galicia, deseñou unha programación especial que pretende axudar a consolidar a imaxe de Campo Lameiro como un destino de referencia no ámbito do turismo rural, seguindo os pasos das outras localidades gañadoras do título de Capital do Turismo Rural 2023 de Escapada Rural como Cazorla ou Potes.

No caso de Campo Lameiro, o compoñente que lle outorgou un valor diferencial que lle posibilitou acadar esta distinción foi a súa condición de ser unha das tres capitais de arte rupestre ao aire libre en Europa e, sen ningunha dúbida, a capital dos petroglifos en Galicia.

 

 

Acercando a arte rupestre de Galicia a todo o mundo

A programación pretende cubrir todas as franxas de idade e intereses, chegando principalmente ao público familiar e aquelas persoas interesadas en experiencias relacionadas co turismo cultural, o que inclúe, ademais, eventos destacados como o concerto de Carlos Núñez ou o Festival de Arte Rupestre “LAEROS”.

 

Concerto de Carlos Núñez do ano 2021 na área arqueolóxica do Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre de Campo Lameiro

 

Neste sentido, as familias atoparán unha serie de actividades de martes a sábado, principalmente pola mañá, con renovados obradoiros de arqueoloxía experimental ás 11:15 h., como “Ídolos” ou “Pintura”, que se poden continuar cunha visita guiada familiar e interactiva ás 12:30 h. . Pola tarde, ás 16:30 horas, temos outra oportunidade cun Escape Room familiar polo interior do Centro de Interpretación. Os máis mozos recibirán un premio especial por participar e entrarán no sorteo dunha cesta de produtos da tenda.

O público xeral desfrutará de varias visitas guiadas de martes a domingo (12:30-18:00-19:30 h.), e terá a ocasión de experimentar como son os petroglifos pola noite, baixo o sistema especial de luces LED da área arqueolóxica, coa actividade de “Noitepedras de lendas”, que alcanza a súa oitava edición. Como novidade ofrecemos un novo concepto de “turismo slow” con dúas novas propostas, “Ioga entre petroglifos” todos os sábados ás 11:00 h., e “Baños de Bosque”, que se celebrarán o 21 de xullo e o 24 de agosto.

Por último, entre os eventos máis destacados do verán temos que mencionar o singular concerto de Carlos Núñez, o 9 de xullo, dentro da súa xira de “Lugares Máxicos”. E a segunda edición do Festival da Arte Rupestre de Galicia coñecido pola denominación de “LAEROS”, un evento para vivir a historia con diversas actividades relacionadas coa música, a arqueoloxía experimental e a gastronomía.

O horario de acceso ao Parque no verán é de 11:00-21:00 horas. Reservas en liña na páxina web: www.paar.es ou no teléfono 886151195.

 

CAZADORES DE PETRÓGLIFOS

III EDICIÓN DE XORNADAS DE PETRÓGLIFOS

O Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre de Campo Lameiro celebrará o próximo sábado 20 de maio a III edición da xornada Cazadores de Petróglifos que ten como propósito divulgar proxectos e estudos recentes da arte rupestre de Galicia.

Mediante diferentes charlas, tanto do eido académico como do dos colectivos, o público asistente terá a oportunidade de coñecer diferentes traballos da man dos seus principais protagonistas.

A primeira charla será ás 10.30 horas, da man de Tania Mosquera, doutoranda no Grupo de Estudos para a Prehistoria do Noroeste Ibérico-Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio  na Universidade de Santiago de Compostela. Coa súa charla Cova Eirós e a arte rupestre das derradeiras sociedades cazadoras-recolectoras poderemos coñecer as investigacións máis recentes das manifestacións gráficas do final do Paleolítico desta cavidade situada en Triacastela (Lugo).

A segunda ponencia será levada a cabo por Miguel Carrero, doutor en Prehistoria e docente na USC, especializado na aplicación de tecnoloxías xeoespaciais en arqueoloxía. Na súa charla, O Megalitismo galego: ocupación do territorio e pensamento simbólico, expoñerá como Galicia é un dos territorios da Península Ibérica con maior densidade de mámoas, moitas delas con gravados e pinturas documentadas que testemuñan un rico e interesante mundo funerario na época.

A continuación, o arqueólogo David Fernández Abella, investigador do grupo EcoPast da USC, dará a ponencia Homes de papel en barcos de pedra. Naviformes no Noroeste, na que recompilará os petróglifos máis coñecidos con barcos identificados e expoñerá a información que se pode extraer destes gravados no apartado interpretativo.  

Tras un tempo de preguntas e debate, pola tarde retómase a xornada ás 16.30 horas.

Antón Bouzas e Luis Leclere, do Colectivo A Rula, compartirán o seu traballo recente na Quenlla dos Carballos (A Estrada), un espazo sacro cun uso moi prolongado ao longo do tempo, comezando no período Calcolítico ou Bronce Inicial ata o século I da nosa era, segundo se desprende do exame dunha inscrición votiva dedicada á deusa Diana, posiblemente un lugar de culto precristián. O título da charla é A Quenlla dos Carballos no concello da Estrada. Un santuario rupestre cunha dedicatoria á deusa Diana na ribeira do Ulla.

Rafael Quintía, presidente da Asociación Antropolóxica Galega e docente na UNED, expoñerá a súa investigación de moitos anos como antropólogo recollendo e divulgando o patrimonio inmaterial vinculado aos petróglifos galegos, que reflicten unha valiosa mostra de construción cultural da paisaxe e da historia para dar sentido a un pasado descoñecido. Na ponencia A arte rupestre e o patrimonio inmaterial, fará un percorrido polos universos simbólicos vencellados aos nosos gravados e aos relatos transmitidos oralmente ao redor deles de xeración en xeración.

Para finalizar as charlas, Fátima Martínez e Patricia Novas, do Departamento de Didáctica e Formación do Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre, expoñerán o traballo que se leva a cabo neste centro de referencia na divulgación da Arte Rupestre galega entre o público escolar. Co título Divulgando os petróglifos: experiencia didáctica do PAAR, compartirán o que consideran as chaves para lograr un discurso no que o alumnado comprenda o valor do patrimonio prehistórico.

O prezo é de 15 euros e se emite un certificado de participación de 8 horas.

 

Puede consultar el programa:

Descargar el programa de la III edición de Cazador@s de Petróglifos

 

Para anotarse en la jornada, hasta el día 18 de mayo, en el siguiente enlace:

Formulario de inscripción en la III edición de Cazador@s de Petroglifos

 

Más información en el teléfono 886151195 o en el correo formacion@paar.es

CARTEL SEMANA SANTA CAMPO LAMEIRO_bc
Exhibición de fuego

SEMANA SANTA 2023 NO PAAR: “GALICIA É ARTE RUPESTRE”

Cartel da Semana Santa en el PAAR 2023.

O Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre deseñou unha programación especial para a Semana Santa do 2023 con máis actividades diarias, obradoiros, visitas guiadas, e exhibicións de lume gratuítas e agasallos durante todos os días, a semana comprendida entre o martes 4 e 9 de abril.

Cada día comezaremos cos obradoiros familiares “Cerámica coas túas mans” ou “Pintura Rupestre” ás 11:30 h. que continuarán pola tarde con outros obradoiros para rapaces de máis de 10 anos, a partir das 17:00 h. e coas seguintes temáticas: “Caza na Prehistoria” ou “Graffitis no pasado”. Ademais, o público poderá escoller entre varios horarios de visitas guiadas á área arqueolóxica realizadas por un monitor/a especializado en arte rupestre. O custe de ámbalas actividades é de 3 euros por persoa, ademais do prezo da entrada xeral (3 euros) ou reducida ao PAAR (1,80 euros). 

Por exemplo, unha persoa con entrada xeral e que reserva unha actividade de 3 euros pagaría finalmente 6 euros, e se forma parte do seguinte colectivo (familia numerosa, +65 anos, grupo +10,  estudantes ou persoas con discapacidade) compraría a entrada reducida e pagaría en total 4,80 euros (1,80 euros pola entrada reducida e 3 euros pola actividade).

Obradoiro de Caza en la Prehistoria recomendado para rapaces de máis de 10 años.

A novidade do presente ano será a oferta gratuíta de dúas exhibicións de lume diarias, ás 13:30 e 19:30 h., na entrada do Centro de Interpretación coa intención de que o público coñeza como se facía lume durante a Prehistoria. Por outra parte, todas as persoas qeu visitan o Parque durante a Semana Santa participarán no sorteo de diferentes agasallos coa intención de apoio ao Concello de Campo Lameiro como Capital del turismo rural 2023″ del portal web Escapada Rural.

Dúas exhibicións de lume diarias gratuitas.

Este ano agardamos continuar co crecemento do público xeral e recibir máis de 1.500 visitantes na Semana Santa, consolidando o Parque como un dos principais recursos culturais e turísticos no interior da provincia de Pontevedra. Para todas as actividades programadas é necesaria a reserva previa, por correo electrónico (reservas@paar.es) ou por teléfono (886151195).

Cartel_web_02
Arte Rupestre de Galicia
Escape Room
FOTOMARATÓN RUPESTRE
NATUREZA DO PAAR
Noitepedras verde
Noitepedras de Cores
Obradoiros familiares
Obradoiros familiares
Roteiros Ornitolóxicos

PROGRAMACIÓN VERÁN 2022

Este ano o Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre de Campo Lameiro (PAAR) preparou unha programación especial de verán coa idea de amosar ao público a biodiversidade presente na Área Arqueolóxica do PAAR con diferentes actividades do programa especial “Coñece a natureza do PAAR”. Ademais continuarase ofrecendo a variada oferta de actividades característica do PAAR pensada para tódolos públicos e gustos:  visitas guiadas, escape room, fotografía e obradoiros familiares.

Así, cada día será posible participar nunha das tres visitas guiadas aos principais petróglifos do PAAR (12:30; 18:00 ou 19:30 h.) ou realizar un taller en familia na Área Arqueolóxica (11:15 ou 12:15 h.). Na noite dos venres (22:00h.) haberá visita nocturna especial: “Noitepedras de Cores”, que repite este verán a boa experiencia do ano anterior. A proposta de scape room “O segredo oculto do labirinto”, deseñada para grupos de amigos ampliará o seu horario, mais é precisa a reserva previa da sala. E por último ofrecemos por primeira vez todos os mércores o “Fotomaratón rupestre” para os amantes da fotografía.

Visita nocturna aos principais petróglifos do PAAR

 

Escape Room “O segredo oculto do labirinto”

 

Obradoiros familiares todos os días en función das idades dos rapaces

Mais a principal novidade do verán 2022, e coa que pretendemos afondar no coñecemento da biodiversidade natural da contorna do parque arqueolóxico ven polo programa “Coñece a natureza do PAAR” con actividades que permitirán afondar na divulgación da flora e fauna do PAAR coa colaboración de empresas e asociacións medio ambientais: “Roteiro ornitolóxico entre petróglifos” (SEO-Birdlife Pontevedra), “Flora silvestre do parque: descrición, usos e curiosidades” (Xosé Braulio) e “Roteiro de exploración da natureza en familia “Bosquinenos” (Alados Medioambiente).

“Ruta ornitológica entre petróglifos” (SEO-Birdlife Pontevedra)

 

“Flora silvestre do parque: descrición, usos e curiosidades” (Xosé Braulio)

Para anotarse a calquera das actividades citadas é necesaria a reserva previa, ben mediante correo electrónico (reservas@paar.es) ou ben por teléfono (886151195), no horario de apertura do PAAR, que durante o verán é de 11.00 a 21.00 h. de forma ininterrompida.

Dende o PAAR animámosvos a reservar un día do verán 2022 para descubrir, ou redescubrir, un museo de arte ao aire libre de 4.000 anos de antigüidade situado na capital dos petróglifos de Galicia, no Concello de Campo Lameiro. Un equipamento cultural xestionado pola Xunta de Galicia.

 

 
 
SEMANA SANTA 2022_WEB
SEMANA SANTA 2022 NO PAAR

SEMANA SANTA 2022

Este ano no Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre de Campo Lameiro preparamos unha Semana Santa con novas actividades. Queremos que teñas doado atopar unha escusa para volver. Anotade a nosa programación especial da SEMANA SANTA 2022:

Novas actividades:
Fotomaratón Rupestre. Fotografía a Prehistoria co teu móbil acompañada/o do fotoxornalista Manuel Blanco.
Andainas Rupestres. Roteiro especial de 3 km para coñecer a paisaxe rupestre presente nas 22 hectáreas de extensión do Parque.
Exposición temporal “A primeira Arte de Europa ollada polos europeos do futuro” de European Rock Art Trails.
 
Máis prazas de actividades para o público familiar:
Píos Miúdos. Obradoiro familiar de paxaros e arqueoloxía. Constrúe o teu niño de anduriña¡
Escape Room. Participa en grupos de 2-5 persoas con el título: “O segredo oculto do labirinto”.
 
E o clásico:
Tres visitas guiadas cada día aos principais petróglifos do PAAR.

A programación das actividades foi deseñada loxicamente para cumprir as medidas de seguridade necesarias pola irrupción do Covid-19, incidindo no distanciamento social, control de aforo e medidas hixiénico-sanitarias. Por esta razón é obrigada a reserva previa de praza en todas estas actividades no teléfono 886 151 195 ou no correo reservas@paar.es .  Grazas pola vosa atención¡

ACTIVIDADADES SEMANA SANTA 2022

 

PROGRAMA PRIMAVERA 2022

PROGRAMA DE PRIMAVERA

O Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre presenta a nova programación familiar para a primavera de 2022. Nesta daranse cita actividades como “A semana do 8 M” (A partir do 6 de marzo), unha nova edición do curso de “Cazadores de Petróglifos” (2 de abril), o escape room “O segredo do labirinto” (reserva de espazo) e a “Visita ornitolóxica” da man de SEO Bird Life-Pontevedra (10 de abril).

No entanto, a gran novidade desta edición serán os obradoiros que se desenvolverán durante as fins de semana de marzo, abril e maio. Tralo éxito do obradoiro familiar “Invernía” chega “Píos Miúdos”. De tal niño tal paxariño”. Esta actividade consistirá en dous obradoiros para toda a familia. Un de temática ambiental no que poder aprender a construír o seu propio niño de anduriña e a recoñecer algunha das especies de aves que habitan no PAAR. Este compleméntase cunha actividade arqueolóxica (caza, tecido, pintura, rexistro arqueolóxico…) que variará cada fin de semana, en función do tempo, garantindo a súa celebración en interior ou exterior.
A participación en “Píos Miúdos” ten un prezo de 6 euros por persoa tanto para adultos como para nenos, e inclúe a entrada ao PAAR durante todo o día (horario de apertura de 10 a 19 horas), polo que ao finalizar a actividade as familias poderán visitar as instalacións. O PAAR consta dunha exposición permanente interior e unha área arqueolóxica de 22 hectáreas onde están os petróglifos prehistóricos ao aire libre, e un merendeiro e área interior con mesas e máquinas expendedoras, polo que é posible traer a comida de casa para pasar o día dun xeito diferente.

PARA SINALAR NO CALENDARIO
Relacionado tamén coa ornitoloxía, o día 10 de abril haberá unha visita ornitolóxica profesional da man do grupo SEO Birdlife Pontevedra, onde durante a mañá se fará unha ruta con prismáticos para a localización das aves que habitan no PAAR.
Outra das opcións deste trimestre son as visitas guiadas que se realizan ás 12.30 e ás 17.30 horas e que percorren a parte principal da área arqueolóxica da man dunha persoa experta en arte rupestre, ou o escape room “O Segredo oculto do labirinto” pensado para maiores de 14 anos e que estará dispoñible todas as semanas nas quendas das 13.30 ou das 16.30 horas.
Na semana do 8M, a proposta para este ano é a dunha visita autónoma á exposición permanente durante a cal as persoas visitantes poderán aprender e reflexionar sobre os roles de mulleres e homes na Prehistoria e na arqueoloxía, colaborando no cambio de discurso aplicado ao noso pasado. Unha acción interactiva en colaboración coa Universidade de Vigo que pon o foco de atención na identificación do sentido de xénero por parte da cidadanía. Esta actividade estará activa desde o domingo 6 de marzo.
Finalmente, a II edición de “Cazadores de Petróglifos” reunirá en Campo Lameiro a colectivos, investigadores e persoas que están a traballar na descuberta e investigación ao redor do mundo da arte rupestre e o patrimonio arqueolóxico.

Para todas as actividades programadas é necesaria a reserva previa, por correo electrónico (reservas@paar.es) ou por teléfono (886151195).