CARTEL-A3-VERÁN-2023-CAMPO-LAMEIRO-baja
06-Forneiriña-e-cabalos
Concerto-Carlos-Núñez-3
Capital Turismo Rural 2023
Capital Turismo Rural 2023

VERÁN NA CAPITAL DO TURISMO RURAL DE ESPAÑA 2023

 

Este ano o Parque Arqueolóxico de Arte Rupestre de Campo Lameiro, institución dependente da Consellería de Cultura, Educación e Universidade da Xunta de Galicia, deseñou unha programación especial que pretende axudar a consolidar a imaxe de Campo Lameiro como un destino de referencia no ámbito do turismo rural, seguindo os pasos das outras localidades gañadoras do título de Capital do Turismo Rural 2023 de Escapada Rural como Cazorla ou Potes.

No caso de Campo Lameiro, o compoñente que lle outorgou un valor diferencial que lle posibilitou acadar esta distinción foi a súa condición de ser unha das tres capitais de arte rupestre ao aire libre en Europa e, sen ningunha dúbida, a capital dos petroglifos en Galicia.

 

 

Acercando a arte rupestre de Galicia a todo o mundo

A programación pretende cubrir todas as franxas de idade e intereses, chegando principalmente ao público familiar e aquelas persoas interesadas en experiencias relacionadas co turismo cultural, o que inclúe, ademais, eventos destacados como o concerto de Carlos Núñez ou o Festival de Arte Rupestre “LAEROS”.

 

 

Neste sentido, as familias atoparán unha serie de actividades de martes a sábado, principalmente pola mañá, con renovados obradoiros de arqueoloxía experimental ás 11:15 h., como “Ídolos” ou “Pintura”, que se poden continuar cunha visita guiada familiar e interactiva ás 12:30 h. . Pola tarde, ás 16:30 horas, temos outra oportunidade cun Escape Room familiar polo interior do Centro de Interpretación. Os máis mozos recibirán un premio especial por participar e entrarán no sorteo dunha cesta de produtos da tenda.

O público xeral desfrutará de varias visitas guiadas de martes a domingo (12:30-18:00-19:30 h.), e terá a ocasión de experimentar como son os petroglifos pola noite, baixo o sistema especial de luces LED da área arqueolóxica, coa actividade de “Noitepedras de lendas”, que alcanza a súa oitava edición. Como novidade ofrecemos un novo concepto de “turismo slow” con dúas novas propostas, “Ioga entre petroglifos” todos os sábados ás 11:00 h., e “Baños de Bosque”, que se celebrarán o 21 de xullo e o 24 de agosto.

Por último, entre os eventos máis destacados do verán temos que mencionar o singular concerto de Carlos Núñez, o 9 de xullo, dentro da súa xira de “Lugares Máxicos”. E a segunda edición do Festival da Arte Rupestre de Galicia coñecido pola denominación de “LAEROS”, un evento para vivir a historia con diversas actividades relacionadas coa música, a arqueoloxía experimental e a gastronomía.

O horario de acceso ao Parque no verán é de 11:00-21:00 horas. Reservas en liña na páxina web: www.paar.es ou no teléfono 886151195.

 

CAZADORES DE PETRÓGLIFOS

III EDICIÓN DE XORNADAS DE PETRÓGLIFOS

O Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre de Campo Lameiro celebrará o próximo sábado 20 de maio a III edición da xornada Cazadores de Petróglifos que ten como propósito divulgar proxectos e estudos recentes da arte rupestre de Galicia.

Mediante diferentes charlas, tanto do eido académico como do dos colectivos, o público asistente terá a oportunidade de coñecer diferentes traballos da man dos seus principais protagonistas.

A primeira charla será ás 10.30 horas, da man de Tania Mosquera, doutoranda no Grupo de Estudos para a Prehistoria do Noroeste Ibérico-Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio  na Universidade de Santiago de Compostela. Coa súa charla Cova Eirós e a arte rupestre das derradeiras sociedades cazadoras-recolectoras poderemos coñecer as investigacións máis recentes das manifestacións gráficas do final do Paleolítico desta cavidade situada en Triacastela (Lugo).

A segunda ponencia será levada a cabo por Miguel Carrero, doutor en Prehistoria e docente na USC, especializado na aplicación de tecnoloxías xeoespaciais en arqueoloxía. Na súa charla, O Megalitismo galego: ocupación do territorio e pensamento simbólico, expoñerá como Galicia é un dos territorios da Península Ibérica con maior densidade de mámoas, moitas delas con gravados e pinturas documentadas que testemuñan un rico e interesante mundo funerario na época.

A continuación, o arqueólogo David Fernández Abella, investigador do grupo EcoPast da USC, dará a ponencia Homes de papel en barcos de pedra. Naviformes no Noroeste, na que recompilará os petróglifos máis coñecidos con barcos identificados e expoñerá a información que se pode extraer destes gravados no apartado interpretativo.  

Tras un tempo de preguntas e debate, pola tarde retómase a xornada ás 16.30 horas.

Antón Bouzas e Luis Leclere, do Colectivo A Rula, compartirán o seu traballo recente na Quenlla dos Carballos (A Estrada), un espazo sacro cun uso moi prolongado ao longo do tempo, comezando no período Calcolítico ou Bronce Inicial ata o século I da nosa era, segundo se desprende do exame dunha inscrición votiva dedicada á deusa Diana, posiblemente un lugar de culto precristián. O título da charla é A Quenlla dos Carballos no concello da Estrada. Un santuario rupestre cunha dedicatoria á deusa Diana na ribeira do Ulla.

Rafael Quintía, presidente da Asociación Antropolóxica Galega e docente na UNED, expoñerá a súa investigación de moitos anos como antropólogo recollendo e divulgando o patrimonio inmaterial vinculado aos petróglifos galegos, que reflicten unha valiosa mostra de construción cultural da paisaxe e da historia para dar sentido a un pasado descoñecido. Na ponencia A arte rupestre e o patrimonio inmaterial, fará un percorrido polos universos simbólicos vencellados aos nosos gravados e aos relatos transmitidos oralmente ao redor deles de xeración en xeración.

Para finalizar as charlas, Fátima Martínez e Patricia Novas, do Departamento de Didáctica e Formación do Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre, expoñerán o traballo que se leva a cabo neste centro de referencia na divulgación da Arte Rupestre galega entre o público escolar. Co título Divulgando os petróglifos: experiencia didáctica do PAAR, compartirán o que consideran as chaves para lograr un discurso no que o alumnado comprenda o valor do patrimonio prehistórico.

O prezo é de 15 euros e se emite un certificado de participación de 8 horas.

 

Puede consultar el programa:

Descargar el programa de la III edición de Cazador@s de Petróglifos

 

Para anotarse en la jornada, hasta el día 18 de mayo, en el siguiente enlace:

Formulario de inscripción en la III edición de Cazador@s de Petroglifos

 

Más información en el teléfono 886151195 o en el correo formacion@paar.es

CARTEL SEMANA SANTA CAMPO LAMEIRO_bc
ExhibiciónLume_bc

SEMANA SANTA 2023 NO PAAR: “GALICIA É ARTE RUPESTRE”

Cartel da Semana Santa en el PAAR 2023.

O Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre deseñou unha programación especial para a Semana Santa do 2023 con máis actividades diarias, obradoiros, visitas guiadas, e exhibicións de lume gratuítas e agasallos durante todos os días, a semana comprendida entre o martes 4 e 9 de abril.

Cada día comezaremos cos obradoiros familiares “Cerámica coas túas mans” ou “Pintura Rupestre” ás 11:30 h. que continuarán pola tarde con outros obradoiros para rapaces de máis de 10 anos, a partir das 17:00 h. e coas seguintes temáticas: “Caza na Prehistoria” ou “Graffitis no pasado”. Ademais, o público poderá escoller entre varios horarios de visitas guiadas á área arqueolóxica realizadas por un monitor/a especializado en arte rupestre. O custe de ámbalas actividades é de 3 euros por persoa, ademais do prezo da entrada xeral (3 euros) ou reducida ao PAAR (1,80 euros). 

Por exemplo, unha persoa con entrada xeral e que reserva unha actividade de 3 euros pagaría finalmente 6 euros, e se forma parte do seguinte colectivo (familia numerosa, +65 anos, grupo +10,  estudantes ou persoas con discapacidade) compraría a entrada reducida e pagaría en total 4,80 euros (1,80 euros pola entrada reducida e 3 euros pola actividade).

Obradoiro de Caza en la Prehistoria recomendado para rapaces de máis de 10 años.

A novidade do presente ano será a oferta gratuíta de dúas exhibicións de lume diarias, ás 13:30 e 19:30 h., na entrada do Centro de Interpretación coa intención de que o público coñeza como se facía lume durante a Prehistoria. Por outra parte, todas as persoas qeu visitan o Parque durante a Semana Santa participarán no sorteo de diferentes agasallos coa intención de apoio ao Concello de Campo Lameiro como Capital del turismo rural 2023″ del portal web Escapada Rural.

Este ano agardamos continuar co crecemento do público xeral e recibir máis de 1.500 visitantes na Semana Santa, consolidando o Parque como un dos principais recursos culturais e turísticos no interior da provincia de Pontevedra. Para todas as actividades programadas é necesaria a reserva previa, por correo electrónico (reservas@paar.es) ou por teléfono (886151195).

Cartel_web_02
Escape Room
NATUREZA DO PAAR
Noitepedras verde
Noitepedras de Cores
Obradoiros familiares
Obradoiros familiares
Concurso-de-fotografía-enfoques-rupestres-3-1452x2048
ROTEIROS-ORNITOLÓXICOS

PROGRAMACIÓN VERÁN 2022

Este ano o Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre de Campo Lameiro (PAAR) preparou unha programación especial de verán coa idea de amosar ao público a biodiversidade presente na Área Arqueolóxica do PAAR con diferentes actividades do programa especial “Coñece a natureza do PAAR”. Ademais continuarase ofrecendo a variada oferta de actividades característica do PAAR pensada para tódolos públicos e gustos:  visitas guiadas, escape room, fotografía e obradoiros familiares.

Así, cada día será posible participar nunha das tres visitas guiadas aos principais petróglifos do PAAR (12:30; 18:00 ou 19:30 h.) ou realizar un taller en familia na Área Arqueolóxica (11:15 ou 12:15 h.). Na noite dos venres (22:00h.) haberá visita nocturna especial: “Noitepedras de Cores”, que repite este verán a boa experiencia do ano anterior. A proposta de scape room “O segredo oculto do labirinto”, deseñada para grupos de amigos ampliará o seu horario, mais é precisa a reserva previa da sala. E por último ofrecemos por primeira vez todos os mércores o “Fotomaratón rupestre” para os amantes da fotografía.

Visita nocturna aos principais petróglifos do PAAR

 

Escape Room “O segredo oculto do labirinto”

 

Obradoiros familiares todos os días en función das idades dos rapaces

Mais a principal novidade do verán 2022, e coa que pretendemos afondar no coñecemento da biodiversidade natural da contorna do parque arqueolóxico ven polo programa “Coñece a natureza do PAAR” con actividades que permitirán afondar na divulgación da flora e fauna do PAAR coa colaboración de empresas e asociacións medio ambientais: “Roteiro ornitolóxico entre petróglifos” (SEO-Birdlife Pontevedra), “Flora silvestre do parque: descrición, usos e curiosidades” (Xosé Braulio) e “Roteiro de exploración da natureza en familia “Bosquinenos” (Alados Medioambiente).

 

“Flora silvestre do parque: descrición, usos e curiosidades” (Xosé Braulio)

Para anotarse a calquera das actividades citadas é necesaria a reserva previa, ben mediante correo electrónico (reservas@paar.es) ou ben por teléfono (886151195), no horario de apertura do PAAR, que durante o verán é de 11.00 a 21.00 h. de forma ininterrompida.

Dende o PAAR animámosvos a reservar un día do verán 2022 para descubrir, ou redescubrir, un museo de arte ao aire libre de 4.000 anos de antigüidade situado na capital dos petróglifos de Galicia, no Concello de Campo Lameiro. Un equipamento cultural xestionado pola Xunta de Galicia.

 
 
SEMANA SANTA 2022_WEB
SEMANA SANTA 2022 NO PAAR

SEMANA SANTA 2022

Este ano no Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre de Campo Lameiro preparamos unha Semana Santa con novas actividades. Queremos que teñas doado atopar unha escusa para volver. Anotade a nosa programación especial da SEMANA SANTA 2022:

Novas actividades:
Fotomaratón Rupestre. Fotografía a Prehistoria co teu móbil acompañada/o do fotoxornalista Manuel Blanco.
Andainas Rupestres. Roteiro especial de 3 km para coñecer a paisaxe rupestre presente nas 22 hectáreas de extensión do Parque.
Exposición temporal “A primeira Arte de Europa ollada polos europeos do futuro” de European Rock Art Trails.
 
Máis prazas de actividades para o público familiar:
Píos Miúdos. Obradoiro familiar de paxaros e arqueoloxía. Constrúe o teu niño de anduriña¡
Escape Room. Participa en grupos de 2-5 persoas con el título: “O segredo oculto do labirinto”.
 
E o clásico:
Tres visitas guiadas cada día aos principais petróglifos do PAAR.

A programación das actividades foi deseñada loxicamente para cumprir as medidas de seguridade necesarias pola irrupción do Covid-19, incidindo no distanciamento social, control de aforo e medidas hixiénico-sanitarias. Por esta razón é obrigada a reserva previa de praza en todas estas actividades no teléfono 886 151 195 ou no correo reservas@paar.es .  Grazas pola vosa atención¡

ACTIVIDADADES SEMANA SANTA 2022

 

PROGRAMA PRIMAVERA 2022

PROGRAMA DE PRIMAVERA

O Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre presenta a nova programación familiar para a primavera de 2022. Nesta daranse cita actividades como “A semana do 8 M” (A partir do 6 de marzo), unha nova edición do curso de “Cazadores de Petróglifos” (2 de abril), o escape room “O segredo do labirinto” (reserva de espazo) e a “Visita ornitolóxica” da man de SEO Bird Life-Pontevedra (10 de abril).

No entanto, a gran novidade desta edición serán os obradoiros que se desenvolverán durante as fins de semana de marzo, abril e maio. Tralo éxito do obradoiro familiar “Invernía” chega “Píos Miúdos”. De tal niño tal paxariño”. Esta actividade consistirá en dous obradoiros para toda a familia. Un de temática ambiental no que poder aprender a construír o seu propio niño de anduriña e a recoñecer algunha das especies de aves que habitan no PAAR. Este compleméntase cunha actividade arqueolóxica (caza, tecido, pintura, rexistro arqueolóxico…) que variará cada fin de semana, en función do tempo, garantindo a súa celebración en interior ou exterior.
A participación en “Píos Miúdos” ten un prezo de 6 euros por persoa tanto para adultos como para nenos, e inclúe a entrada ao PAAR durante todo o día (horario de apertura de 10 a 19 horas), polo que ao finalizar a actividade as familias poderán visitar as instalacións. O PAAR consta dunha exposición permanente interior e unha área arqueolóxica de 22 hectáreas onde están os petróglifos prehistóricos ao aire libre, e un merendeiro e área interior con mesas e máquinas expendedoras, polo que é posible traer a comida de casa para pasar o día dun xeito diferente.

PARA SINALAR NO CALENDARIO
Relacionado tamén coa ornitoloxía, o día 10 de abril haberá unha visita ornitolóxica profesional da man do grupo SEO Birdlife Pontevedra, onde durante a mañá se fará unha ruta con prismáticos para a localización das aves que habitan no PAAR.
Outra das opcións deste trimestre son as visitas guiadas que se realizan ás 12.30 e ás 17.30 horas e que percorren a parte principal da área arqueolóxica da man dunha persoa experta en arte rupestre, ou o escape room “O Segredo oculto do labirinto” pensado para maiores de 14 anos e que estará dispoñible todas as semanas nas quendas das 13.30 ou das 16.30 horas.
Na semana do 8M, a proposta para este ano é a dunha visita autónoma á exposición permanente durante a cal as persoas visitantes poderán aprender e reflexionar sobre os roles de mulleres e homes na Prehistoria e na arqueoloxía, colaborando no cambio de discurso aplicado ao noso pasado. Unha acción interactiva en colaboración coa Universidade de Vigo que pon o foco de atención na identificación do sentido de xénero por parte da cidadanía. Esta actividade estará activa desde o domingo 6 de marzo.
Finalmente, a II edición de “Cazadores de Petróglifos” reunirá en Campo Lameiro a colectivos, investigadores e persoas que están a traballar na descuberta e investigación ao redor do mundo da arte rupestre e o patrimonio arqueolóxico.

Para todas as actividades programadas é necesaria a reserva previa, por correo electrónico (reservas@paar.es) ou por teléfono (886151195).

INVERNÍA-2021bc-scaled

CHEGA INVERNÍA EN NOVEMBRO¡

TALLERES FAMILIARES “INVERNÍA” 

Data: Sábados e domingos de novembro e decembro           Público destinatario: Familiar            

Duración: 2 horas                                                                        Precio: 6 euros por persoa

Descrición:  Actividade dirixida ao público familiar na que se aprende a facer lume como na Prehistoria, ademais doutro taller que será diferente cada semana. Despois da actividade é posible visitar por libre a exposición permanente do Centro de Interpretación ou os petróglifos da Área Arqueolóxica.

Horario:

10:30 h. Taller da semana (cerámica, rexistro, téxtil)
11:20 h. Taller de lume
11:30 h. Exhibición de lume
12:30 h. Finalización

Reservas: 886 15 11 95/reservas@paar.es. Prazas limitadas e obrigada a reserva previa.

 

NOS

PETRÓGLIFO OU PETROGLIFO?

As palabras para a arte rupestre que nos legou a Xeración Nós

Cando hoxe lemos traballos científicos ou divulgativos en galego sobre a arte rupestre atopamos termos como ‘petróglifo’, ‘coviñas’ ou ‘insculturas’ que nos resultan ben coñecidos. Pero en xeral estes termos aplicados á arte rupestre son relativamente recentes e empréganse desde hai menos dun século, como imos comprobar botando man do Tesouro Informatizado da Lingua Galega, que ofrece dixitalizadas milleiros de páxinas en galego de libros, periódicos e revistas.

            No TILG atopamos que o vocábulo ‘rupestre‘ e a expresión ‘arte rupestre‘ aparecen por primeira vez na ‘Seición arqueolóxica’ da revista ‘Nós’, que ocupa a maior parte da páxina 13 do número 16, publicado o 1 de febreiro de 1923. O texto fora escrito por Antonio Iglesias Vilarelle e Octavio Pintos Lois, que tamén empregan nel a palabra francesa ‘fossettes‘ para referirse ás pequenas cavidades artificiais de forma redondeada que aparecen en moitos petróglifos e que hoxe chamamos coviñas.

            No número 31 de ‘Nós’, nas páxinas 33 a 35, publica Fermín Bouza-Brey un artigo titulado ‘O tecnicismo da prehistoria galega’, co subtítulo ‘Prefixos da verba castro’, que ve a luz o 25 de xullo de 1926. O escritor xa era consciente da necesidade de rescatar do vocabulario popular palabras e expresión axeitadas para a nacente ciencia prehistórica: “como de cote socede, temos que mergullarnos na entrana popular, ucha onde se garda o bon pano idiomático, pra conquerir o tesouro das verbas ancestraes, o instrumental do noso trafego”. Nese texto xa fala de ‘coviñas‘ como “outra verba pra o noso vocabulairo que arreda á francesa fossette e á castelán cazoleta“, sendo tamén este o primeiro texto en galego no que figura esa palabra castelá. Así mesmo, achega por primeira vez o termo inscultura, que cre foi empregado con anterioridade por Manuel Murguía: “Algún dos nosos houbo –vento que foi Murguía– que creou con grande tino un vocábulo pra desiñar o característico arte rupestre do Noroeste, inscultura, que debemos empregar preferentemente por acomodarse o seu siñificado etimolóxico ao xeito de ser de istas gravuras”.

            Seguimos con ‘Nós’, porque aparece na páxina 19 do número 35 da revista, do 15 de novembro de 1926, a expresión “gravura rupestre“, nunha sección de recensións de libros e revistas. Aínda que atopamos as palabras ‘gravado’ e ‘grabado’ con anterioridade en ningún caso aparecen en textos relacionados coa arte rupestre, e só no artigo de Bouza-Brey dese mesmo ano se falaba de ‘arte rupestre’ e de ‘gravuras’, pero por separado.

            O termo ‘petróglifo‘ aparece varias décadas despois e aínda sen ser esdrúxulo coma hoxe. No TILG a primeira referencia é a do volume ‘Crónica de nós’ (Xerais, 1980) de Xosé Luís Méndez Ferrín, que escribe na páxina 33: “Logo foi Vicente Risco: o abismo atlántico; a campá de cristal que contén o entrelazo, a runa, o petroglifo; a cifra racial”.

            Grazas á Xeración Nós temos, pois, palabras moi novas para describir arte moi antiga.

           

II CONCURSO FOTOGRÁFICO ENFOQUES RUPESTRES

O Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre de Campo Lameiro (PAAR) organiza o “II CONCURSO FOTOGRÁFICO ENFOQUES RUPESTRES”. O obxectivo deste concurso é a promoción e difusión da arte rupestre de Campo Lameiro, a capital da arte rupestre de Galicia, entre os usuarios das redes sociais Facebook, Instagram e Twitter. #EnfoquesRupestres2021

BASES DO CONCURSO
1. Poderán participar no presente concurso calquera persoa física que durante o período de validez da presente campaña participe na acción segundo se propón nos termos descritos nestas bases.
2. A participación no concurso é gratuíta e non require inscrición.
3. O período de recepción de fotografías vai dende o día 15 de Xullo de 2021 ata o día 15 de Agosto de 2021, ambos inclusive.
4. Para que unha fotografía entre en concurso debe seguir os seguintes pasos:
a) Facer unha foto dos petróglifos de Campo Lameiro e a súa contorna e enviala ao enderezo info@paar.es, xunto cos seus datos persoais de contacto (nome e teléfono).
b) A fotografía dixital non pode exceder os 9.9 Mb de tamaño.
5. Aquelas persoas que non realicen tódolos pasos obrigatorios ou o fagan de forma errónea, a criterio da organización, non poderán optar ao premio na presente convocatoria.
6. As persoas participantes poderán enviar tantas fotos como desexen, aínda que non se terá en conta a cantidade das mesmas, senón a calidade de cada una delas, de forma individual.
7. Unha vez finalizado o prazo de presentación de fotos, a organización fará unha selección das 10 mellores fotografías. Para a súa elección valorarase, entre outras características, a calidade, a creatividade, orixinalidade, a estética, valorando especialmente o ter potenciado os valores patrimoniais arqueolóxicos, artísticos, antropolóxicos e/ou paisaxísticos da arte rupestre de Campo Lameiro. Estas dez instantáneas subiranse ás redes sociais oficiais do PAAR (Facebook, Instagram e Twitter) e aquelas que obteñan un maior número de “gústame” no prazo indicado serán as fotografías gañadoras do concurso, co 1º, 2º e 3º posto en relación correlativa ao número de “gústame”.
8. A organización do concurso resérvase o dereito de anular o presente concurso, suspendelo, ou ben cambiar algunhas das súas condicións se por causas técnicas ou de calquera outra natureza allea á súa vontade non puidera cumprir co normal desenvolvemento do mesmo, segundo o establecido nas presentes bases.
9. As persoas concursantes ceden os dereitos de imaxe das súas fotografías o Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre de Campo Lameiro e o Concello de Campo Lameiro.
10. A participación no concurso implica a total aceptación das presentes bases e das posibles decisións que adopte a organización.

PREMIOS
11. Os premios son os seguintes:
1º Premio: premio en metálico de 100€
2º Premio: premio en metálico de 75€
3ª Premio: premio en metálico de 50€

12. As fotografías finalistas serán seleccionadas nun prazo de 15 días á finalización do concurso e anunciaranse a través das redes sociais oficiais do PAAR de Facebook, Instagram e Twitter o 1 de setembro, polo que se recomenda seguir as contas regularmente.
13. Establécese o prazo entre o 1 de setembro á hora de publicación e o 15 de setembro ás 00.00 como período no que se poden realizar interaccións “gústame” no Facebook, Instagram e Twitter oficiais do PAAR. Rematado este prazo, resultarán gañadoras as fotografías que obtiveran un maior número de “gústame”.
14. A organización porase en contacto coas persoas gañadoras a través do teléfono facilitado unha vez rematado o prazo de votación.
15. Dentro dos 15 días seguintes á finalización do concurso, crearase un álbum na páxina de Facebook do PAAR e doutras redes sociais cunha selección das fotos recibidas incluídas as gañadoras.

PROTECCIÓN DE DATOS DE CARÁCTER PERSOAL
16. As persoas participantes aceptan, mediante a súa participación no concurso, que os contidos e comentarios que vaian ser publicados en Facebook e Instagram poidan ser compartidos co resto de usuarios de Facebook e doutras redes sociais.
17. Non é necesario rexistro previo en ningunha aplicación, nin a organización vai recoller dato ningún de inscrición posto que a participación é pública e gratuíta. Excepto no caso dos gañadores; que, para a entrega dos premios, se recollerán os seus datos persoais.

RESPONSABILIDADES
18. A organización resérvase o dereito de denunciar e pedir a eliminación da fotografía, se algunha imaxe vulnera dereitos intelectuais, persoais, resulta ofensiva ou discriminatoria.
19. A organización resérvase o dereito de denunciar e pedir a eliminación de calquera comentario, se algún deles vulnera dereitos persoais, resulta ofensivo ou discriminatorio.
20. A organización resérvase o dereito de anular calquera participación ou a calquera participante, se se teñen sospeitas dunha manipulación incorrecta dos datos ou do concurso.
21. A organización resérvase o dereito de rexeitar ou excluír da participación do concurso a calquera participante que non reúna os requisitos descritos nas presentes bases e os seus termos de participación ou contraveña as normas ou finalidade do concurso.
22. A organización non se responsabiliza das posibles perdas de datos por problemas e/ou mal funcionamento das redes sociais ou da internet. Ademais a organización exclúe calquera responsabilidade polos danos e prexuízos de toda natureza que, a pesar das medidas de seguridade adoptadas, puideran deberse á utilización indebida dos servizos e dos contidos por parte dos usuarios/as, e, en particular, aínda que non de forma exclusiva, polos danos e prexuízos de toda natureza que poidan deberse á suplantación de personalidade dun/unha terceiro/a efectuada por un/unha usuario/a en calquera clase de comunicación realizada a través do portal.
23. Igualmente, a organización exclúe toda responsabilidade polos danos e prexuízos de calquera natureza que puidera deberse ao uso indebido, manipulación ou mutilación que os usuarios/as ou terceiros/as non autorizados/as puideran realizar ao respecto do contido xeral da presente páxina, así como da vulneración dos dereitos da propiedade intelectual que puidera producirse.

En Campo Lameiro, 14 de xullo de 2021. Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre de Campo Lameiro.