EXPOSICIÓN TEMPORAL: “NA PROCURA DO PASADO”

O Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre de Campo Lameiro percorre os comezos e a evolución da arqueoloxía na provincia de Ourense a través da súa nova exposición temporal: “Na procura do pasado. Orixe e desenvolvemento da arqueoloxía en Ourense”, que recupera o labor das principais figuras que impulsaron a práctica arqueolóxica na provincia desde o século XIX ata a pasada década dos anos 70. A mostra inclúe destacadas pezas arqueolóxicas vinculadas coa actividade de persoeiros como Marcelo Macías, Cuevillas ou Xocas, e nace da colaboración co Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense, que organizou a exposición en 2016.

Logo da súa exhibición na sala de exposicións de Afundación na cidade de Ourense, e no Museo das Peregrinacións e de Santiago, a exposición “Na procura do pasado. Orixe e desenvolvemento da arqueoloxía en Ourense” poderá visitarse no Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre de Campo Lameiro desde hoxe ata o próximo 31 de agosto.

A exposición, que foi inaugurada esta mañá pola xefa do Servizo de Coordinación da Área Cultural de Pontevedra da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Mª. José Echevarría Moreno, polo alcalde de Campo Lameiro, Julio Sayáns, polo director do Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre de Campo Lameiro, Jose Manuel Rey, e polo director do Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense (MAPOu), Xulio Rodríguez, pretende dar unha visión das principais figuras que desenvolveron a actividade arqueolóxica desde finais do século XIX ata os anos 70 do pasado século XX. Neste labor destacan os nomes de Marcelo Macías, Manuel Díez Sanjurjo, Arturo Vázquez Núñez, Florentino López Cuevillas, Xaquín Lorenzo Fernández, Manuel Chamoso Lamas, Rubén García Álvarez, Xesús Taboada Chivite, Laureano Prieto, Conde-Valvís e Xesús Ferro Couselo, entre outros.

Fotografías destes persoeiros e da súa práctica arqueolóxica poden verse na mostra, que tamén inclúe pezas arqueolóxicas directamente relacionadas coa súa actividade, e que forman parte dos fondos do Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense, como o guerreiro de Armeá, as estatuas sedentes de Xinzo de Limia, ou os materiais líticos e cerámicos de Monte Albán, entre outras.