PROGRAMA DE ACTIVIDADES SEMANA SANTA 2019

O PARQUE OFRECE UNHA COMPLETA PROGRAMACIÓN DE ACTIVIDADES GRATUÍTAS (VISITAS GUIADAS E EXHIBICIÓNS) ENTRE O 16 E 21 DE ABRIL E DOUS EVENTOS ESPECIAIS (DÍA INTERNACIONAL DOS MUSEOS E SITIOS O 18 DE ABRIL E NOITEPEDRAS O 19 DE ABRIL)
O Parque pretende consolidarse outro ano máis como un recurso patrimonial e arqueolóxico de referencia entre os turistas que gozan da Semana Santa na comarca de Terras de Pontevedra e Galicia. Por esta razón deseñouse unha programación que vira ao redor de ofrecer diariamente catro actividades gratuítas (tres visitas guiadas e unha exhibición). Pódese elixir entre o horario de mañá coa visita guiada das 12:30 h. , mentres pola tarde ofrécense dúas visitas guiadas máis, ás 17:00 e 19:30 h. A modo de colofón e peche do día realizaremos unha exhibición de “Lume na Prehistoria” ás 19:45 h. co obxectivo de agradecer aos visitantes a súa presenza durante o día no Parque.


Outra posibilidade que ofrecemos esta semana Santa consiste en aproveitar dous eventos singulares que celebraremos os días de maior afluencia do público. O primeiro deles terá lugar o xoves 18 de abril con motivo da celebración do Día Internacional dos Monumentos e Sitios da UNESCO 2019. Para iso configurouse un itinerario especial que axude a ofrecer ao público un novo enfoque, unha nova mirada cara aos petróglifos e a súa relación coa paisaxe. Unha visita guiada dunha hora e media de duración con dous horarios a elixir polo público, pola mañá (12:30-14:00 h.) ou pola tarde (18:30-20:00 h.).


O segundo evento especial é a incorporación por primeira vez de NOITEPEDRAS, modalidade de visita nocturna dos petróglifos reservada aos meses de verán, á axenda de actividades de Semana Santa do Parque. Máis concretamente, será o venres 19 de abril ás 21:00 horas. Unha experiencia única para observar os petróglifos á luz da lúa e ao mesmo tempo coa luz artificial proporcionada pola espectacular instalación de luces led ao longo de diversos puntos das estacións rupestres. NOITEPEDRAS está considerada unha das mellores experiencias nocturnas para gozar a arte rupestre na Península Ibérica.


Lembramos a gratuidade das visitas guiadas e exhibicións que realizaremos diariamente desde o martes 16 de abril até o domingo 21 de abril, sen necesidade de reservar entrada previamente, só é necesario abonar o prezo da entrada xeral ao Parque. Na mesma liña son as visitas guiadas do Día Internacional de Monumentos e Sitios, de carácter gratuíto, pero é necesario realizar unha reserva previa no seguinte número de teléfono 886 151 195 ou o correo electrónico resevas@paar.es. O único servizo de pago é NOITEPEDRAS, 10 euros a entrada para os adultos e 8 euros para os nenos, sendo obrigada a reserva previa no teléfono ou correo comentado anteriormente.