NOVA DATA DE CAZADORES DE PETRÓGLIFOS

A cultura segue no Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre coa presentación da I XORNADA DE CAZADORES DE PETRÓGLIFOS adaptada ós novos tempos: ARTE RUPESTRE SEGURO.

O Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre (PAAR), no concello de Campo Lameiro, ofrece unha actividade formativa centrada na divulgación dos traballos recentes sobre a arte rupestre galega, tanto desde a óptica dos investigadores como das diferentes asociacións que protexen e divulgan o patrimonio cultural do seu territorio.

Entre os arqueólogos investigadores contamos coa participación de Arturo Lombera-Hermida (USC), codirector do proxecto da Arte Paleolítica de Cova Eirós en Triacastela. Beatriz Comendador (Uvigo) comentará os novos retos que requiren as novas pinturas de Arte Esquemática localizadas recentemente nas provincias de Ourense e Lugo. E pechará este apartado Alia Vázquez (USC) presentando os resultados da súa tese de doutorameto do pasado ano, na cal realiza unha análise en profundidade dos petróglifos do Sur de Galicia, principalmente o Baixo Miño.

O outro grupo confórmano os colectivos de diferentes lugares de Galicia que participan de forma activa na localización e socialización da arte rupestre como o Instituto de Estudos Miñoráns- Sección Arqueoloxía (Val Miñor) e o Colectivo A Rula (Comarca de Santiago). Ademais doutras asociacións de defensa do patrimonio cultural do seu territorio que teñen destacados traballos relacionados coa arte rupestre: Capitán Gosende (Terra de Montes), Terra de Trasancos e Patrimonio dos Ancares.

Esta actividade formativa ten un prezo de 15 euros, e chegaría aos 25 euros se queremos un menú na cafetaría do PAAR a cargo do Chef Jorge Caeiro de Casa Tito de Campo Lameiro. Inscricións só na nosa páxina web: www.paar.es. Máis información no teléfono 886151195 ou correo formacion@paar.es. Aforo limitado a 30 prazas.

AFORO COMPLETO

DESCARGA O PROGRAMA