ESPIRAIS NO TEMPO

 El 18 de maio, co motivo do Día Internacional dos Museos, o Parque Arqueolóxico de Arte Rupestre de Campo Lameiro (PAAR) inaugura “Espirais no Tempo”, unha exposición temporal creada polo alumnado de técnicas escultóricas da E.A.S.D Mestre Mateo.
Inspirándose nos petróglifos, os mozos e mozas desta escola santiaguesa levan desde Nadal realizando as obras das que constará esta exposición. Algunhas son de autoría individual e outras colectivas, feitas en grande diversidade de técnicas e materiais: cerámica, madeira, ferro, xeso, resina, pan de ouro…

O PAAR acolle este novo proxecto xerando un compromiso coas novas xeracións de artistas galegos. Neste sentido, Óscar Aldonza, docente do E.A.S.D Mestre Mateo apunta que “É moi positivo crear sinerxías como esta porque o mais importante dos ciclos profesionais é darlle a entender aos seus alumnos/as que o que realizan día a día ten tamén unha aplicación no exterior. A escola pode acabar funcionando como algo endogámico e exposicións como esta permítelles ao alumnado achegarse á realidade profesional que van vivir nun futuro”.
Ademais, Óscar Aldonza tamén indicou a importancia que ten a Arte Rupestre máis alá do material: “O petróglifo é algo moi atractivo visualmente, tendo ese punto intermedio entre o abstracto e o figurativo que permite aos rapaces e rapazas tirar polo terreo que máis lle apetece, xa sexa o figurativo ou o persoal. Intentamos que o alumnado entendera que o petróglifo pode ser un tema de inspiración artística como calquera outro”.

“Espirais no tempo” estará presente no centro de interpretación do PAAR ata o 30 de setembro. A visita da exposición temporal está incluída coa entrada de acceso ao Parque.