VERÁN ENTRE PETRÓGLIFOS NO 10 ANIVERSARIO DO PAAR

Este ano o Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre de Campo Lameiro (PAAR) preparou unha programación especial de verán coa idea de conmemorar o décimo aniversario da súa apertura en 2011. Un espazo de tempo que permitiu presentar ao público a importancia da arte rupestre en Galicia.

No deseño de actividades era moi importante ofrecer de novo unha actividade diaria ao público familiar. Tódolos días ás 11:15 horas teremos a ocasión de participar nun Taller Familiar (caza, cerámica, rexistro arqueolóxico,…) adaptado as idades d@s nen@s. Nesta mesma franxa horaria, tamén se ofrecen as visitas guiadas Petroquiz que rematan nun divertido concurso de preguntas.

O público xeral ten a posibilidade de coñecer o PAAR coa axuda dun guía especializado en arte rupestre que o levará pola Área Arqueolóxica (Visitas Guiadas: 12:30, 18:00 e 19:00 horas). Unhas visitas que continúan os venres pola noite ás 22:00 horas con Noitepedras de Cores. Unha das mellores experiencias de ocio nocturno e arte rupestre da Península Ibérica e que acadou varios recoñecementos entres os medios de comunicación.

Outra actividade que desenvolvemos tódalas semanas é o Escape Room. En menos de 60 minutos terás que atopar respostas para saír do Laboratorio de Arqueoloxía do Centro de Interpretación. Unha alternativa de ocio que combina o escapismo coa arqueoloxía.

Ademais destas actividades regulares a programación incorpora outras propostas como son a II edición do concurso de fotografía Enfoques Rupestres que este ano incorporará fotografías de tódolos petróglifos de Campo Lameiro, do 15 de xullo ao 15 de agosto; e a Ruta Ornitolóxica polo Parque con SEO BirdLife do grupo local de Pontevedra os días 24 de xullo e 28 de agosto ás 11:15 horas.

Para anotarse a calquera das actividades citadas é necesaria a reserva previa, ben mediante correo electrónico (reservas@paar.es) ou ben por teléfono (886151195), no horario de apertura do PAAR, que durante o verán é de 11.00 a 21.00 horas de forma ininterrompida.

Dende o PAAR animámosvos a reservar un día do verán 2021 para descubrir, ou redescubrir, un museo de arte ao aire libre de 4.000 anos de antigüidade situado no concello de Campo Lameiro, na comarca de Terras de Pontevedra.