II CONCURSO FOTOGRÁFICO ENFOQUES RUPESTRES

O Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre de Campo Lameiro (PAAR) organiza o “II CONCURSO FOTOGRÁFICO ENFOQUES RUPESTRES”. O obxectivo deste concurso é a promoción e difusión da arte rupestre de Campo Lameiro, a capital da arte rupestre de Galicia, entre os usuarios das redes sociais Facebook, Instagram e Twitter. #EnfoquesRupestres2021

BASES DO CONCURSO
1. Poderán participar no presente concurso calquera persoa física que durante o período de validez da presente campaña participe na acción segundo se propón nos termos descritos nestas bases.
2. A participación no concurso é gratuíta e non require inscrición.
3. O período de recepción de fotografías vai dende o día 15 de Xullo de 2021 ata o día 15 de Agosto de 2021, ambos inclusive.
4. Para que unha fotografía entre en concurso debe seguir os seguintes pasos:
a) Facer unha foto dos petróglifos de Campo Lameiro e a súa contorna e enviala ao enderezo info@paar.es, xunto cos seus datos persoais de contacto (nome e teléfono).
b) A fotografía dixital non pode exceder os 9.9 Mb de tamaño.
5. Aquelas persoas que non realicen tódolos pasos obrigatorios ou o fagan de forma errónea, a criterio da organización, non poderán optar ao premio na presente convocatoria.
6. As persoas participantes poderán enviar tantas fotos como desexen, aínda que non se terá en conta a cantidade das mesmas, senón a calidade de cada una delas, de forma individual.
7. Unha vez finalizado o prazo de presentación de fotos, a organización fará unha selección das 10 mellores fotografías. Para a súa elección valorarase, entre outras características, a calidade, a creatividade, orixinalidade, a estética, valorando especialmente o ter potenciado os valores patrimoniais arqueolóxicos, artísticos, antropolóxicos e/ou paisaxísticos da arte rupestre de Campo Lameiro. Estas dez instantáneas subiranse ás redes sociais oficiais do PAAR (Facebook, Instagram e Twitter) e aquelas que obteñan un maior número de “gústame” no prazo indicado serán as fotografías gañadoras do concurso, co 1º, 2º e 3º posto en relación correlativa ao número de “gústame”.
8. A organización do concurso resérvase o dereito de anular o presente concurso, suspendelo, ou ben cambiar algunhas das súas condicións se por causas técnicas ou de calquera outra natureza allea á súa vontade non puidera cumprir co normal desenvolvemento do mesmo, segundo o establecido nas presentes bases.
9. As persoas concursantes ceden os dereitos de imaxe das súas fotografías o Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre de Campo Lameiro e o Concello de Campo Lameiro.
10. A participación no concurso implica a total aceptación das presentes bases e das posibles decisións que adopte a organización.

PREMIOS
11. Os premios son os seguintes:
1º Premio: premio en metálico de 100€
2º Premio: premio en metálico de 75€
3ª Premio: premio en metálico de 50€

12. As fotografías finalistas serán seleccionadas nun prazo de 15 días á finalización do concurso e anunciaranse a través das redes sociais oficiais do PAAR de Facebook, Instagram e Twitter o 1 de setembro, polo que se recomenda seguir as contas regularmente.
13. Establécese o prazo entre o 1 de setembro á hora de publicación e o 15 de setembro ás 00.00 como período no que se poden realizar interaccións “gústame” no Facebook, Instagram e Twitter oficiais do PAAR. Rematado este prazo, resultarán gañadoras as fotografías que obtiveran un maior número de “gústame”.
14. A organización porase en contacto coas persoas gañadoras a través do teléfono facilitado unha vez rematado o prazo de votación.
15. Dentro dos 15 días seguintes á finalización do concurso, crearase un álbum na páxina de Facebook do PAAR e doutras redes sociais cunha selección das fotos recibidas incluídas as gañadoras.

PROTECCIÓN DE DATOS DE CARÁCTER PERSOAL
16. As persoas participantes aceptan, mediante a súa participación no concurso, que os contidos e comentarios que vaian ser publicados en Facebook e Instagram poidan ser compartidos co resto de usuarios de Facebook e doutras redes sociais.
17. Non é necesario rexistro previo en ningunha aplicación, nin a organización vai recoller dato ningún de inscrición posto que a participación é pública e gratuíta. Excepto no caso dos gañadores; que, para a entrega dos premios, se recollerán os seus datos persoais.

RESPONSABILIDADES
18. A organización resérvase o dereito de denunciar e pedir a eliminación da fotografía, se algunha imaxe vulnera dereitos intelectuais, persoais, resulta ofensiva ou discriminatoria.
19. A organización resérvase o dereito de denunciar e pedir a eliminación de calquera comentario, se algún deles vulnera dereitos persoais, resulta ofensivo ou discriminatorio.
20. A organización resérvase o dereito de anular calquera participación ou a calquera participante, se se teñen sospeitas dunha manipulación incorrecta dos datos ou do concurso.
21. A organización resérvase o dereito de rexeitar ou excluír da participación do concurso a calquera participante que non reúna os requisitos descritos nas presentes bases e os seus termos de participación ou contraveña as normas ou finalidade do concurso.
22. A organización non se responsabiliza das posibles perdas de datos por problemas e/ou mal funcionamento das redes sociais ou da internet. Ademais a organización exclúe calquera responsabilidade polos danos e prexuízos de toda natureza que, a pesar das medidas de seguridade adoptadas, puideran deberse á utilización indebida dos servizos e dos contidos por parte dos usuarios/as, e, en particular, aínda que non de forma exclusiva, polos danos e prexuízos de toda natureza que poidan deberse á suplantación de personalidade dun/unha terceiro/a efectuada por un/unha usuario/a en calquera clase de comunicación realizada a través do portal.
23. Igualmente, a organización exclúe toda responsabilidade polos danos e prexuízos de calquera natureza que puidera deberse ao uso indebido, manipulación ou mutilación que os usuarios/as ou terceiros/as non autorizados/as puideran realizar ao respecto do contido xeral da presente páxina, así como da vulneración dos dereitos da propiedade intelectual que puidera producirse.

En Campo Lameiro, 14 de xullo de 2021. Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre de Campo Lameiro.