Este ano o Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre de Campo Lameiro (PAAR) preparou unha programación especial de verán coa idea de amosar ao público a biodiversidade presente na Área Arqueolóxica do PAAR con diferentes actividades do programa especial “Coñece a natureza do PAAR”. Ademais continuarase ofrecendo a variada oferta de actividades característica do PAAR pensada para tódolos públicos e gustos: visitas guiadas, escape room, fotografía e obradoiros familiares.
Así, cada día será posible participar nunha das tres visitas guiadas aos principais petróglifos do PAAR (12:30; 18:00 ou 19:30 h.) ou realizar un taller en familia na Área Arqueolóxica (11:15 ou 12:15 h.). Na noite dos venres (22:00h.) haberá visita nocturna especial: “Noitepedras de Cores”, que repite este verán a boa experiencia do ano anterior. A proposta de scape room “O segredo oculto do labirinto”, deseñada para grupos de amigos ampliará o seu horario, mais é precisa a reserva previa da sala. E por último ofrecemos por primeira vez todos os mércores o “Fotomaratón rupestre” para os amantes da fotografía.
Mais a principal novidade do verán 2022, e coa que pretendemos afondar no coñecemento da biodiversidade natural da contorna do parque arqueolóxico ven polo programa “Coñece a natureza do PAAR” con actividades que permitirán afondar na divulgación da flora e fauna do PAAR coa colaboración de empresas e asociacións medio ambientais: “Roteiro ornitolóxico entre petróglifos” (SEO-Birdlife Pontevedra), “Flora silvestre do parque: descrición, usos e curiosidades” (Xosé Braulio) e “Roteiro de exploración da natureza en familia “Bosquinenos” (Alados Medioambiente).
Para anotarse a calquera das actividades citadas é necesaria a reserva previa, ben mediante correo electrónico (reservas@paar.es) ou ben por teléfono (886151195), no horario de apertura do PAAR, que durante o verán é de 11.00 a 21.00 h. de forma ininterrompida.
Dende o PAAR animámosvos a reservar un día do verán 2022 para descubrir, ou redescubrir, un museo de arte ao aire libre de 4.000 anos de antigüidade situado na capital dos petróglifos de Galicia, no Concello de Campo Lameiro. Un equipamento cultural xestionado pola Xunta de Galicia.