O Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre de Campo Lameiro celebrará o próximo sábado 20 de maio a III edición da xornada Cazadores de Petróglifos que ten como propósito divulgar proxectos e estudos recentes da arte rupestre de Galicia.
Mediante diferentes charlas, tanto do eido académico como do dos colectivos, o público asistente terá a oportunidade de coñecer diferentes traballos da man dos seus principais protagonistas.
A primeira charla será ás 10.30 horas, da man de Tania Mosquera, doutoranda no Grupo de Estudos para a Prehistoria do Noroeste Ibérico-Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio na Universidade de Santiago de Compostela. Coa súa charla Cova Eirós e a arte rupestre das derradeiras sociedades cazadoras-recolectoras poderemos coñecer as investigacións máis recentes das manifestacións gráficas do final do Paleolítico desta cavidade situada en Triacastela (Lugo).
A segunda ponencia será levada a cabo por Miguel Carrero, doutor en Prehistoria e docente na USC, especializado na aplicación de tecnoloxías xeoespaciais en arqueoloxía. Na súa charla, O Megalitismo galego: ocupación do territorio e pensamento simbólico, expoñerá como Galicia é un dos territorios da Península Ibérica con maior densidade de mámoas, moitas delas con gravados e pinturas documentadas que testemuñan un rico e interesante mundo funerario na época.
A continuación, o arqueólogo David Fernández Abella, investigador do grupo EcoPast da USC, dará a ponencia Homes de papel en barcos de pedra. Naviformes no Noroeste, na que recompilará os petróglifos máis coñecidos con barcos identificados e expoñerá a información que se pode extraer destes gravados no apartado interpretativo.
Tras un tempo de preguntas e debate, pola tarde retómase a xornada ás 16.30 horas.
Antón Bouzas e Luis Leclere, do Colectivo A Rula, compartirán o seu traballo recente na Quenlla dos Carballos (A Estrada), un espazo sacro cun uso moi prolongado ao longo do tempo, comezando no período Calcolítico ou Bronce Inicial ata o século I da nosa era, segundo se desprende do exame dunha inscrición votiva dedicada á deusa Diana, posiblemente un lugar de culto precristián. O título da charla é A Quenlla dos Carballos no concello da Estrada. Un santuario rupestre cunha dedicatoria á deusa Diana na ribeira do Ulla.
Rafael Quintía, presidente da Asociación Antropolóxica Galega e docente na UNED, expoñerá a súa investigación de moitos anos como antropólogo recollendo e divulgando o patrimonio inmaterial vinculado aos petróglifos galegos, que reflicten unha valiosa mostra de construción cultural da paisaxe e da historia para dar sentido a un pasado descoñecido. Na ponencia A arte rupestre e o patrimonio inmaterial, fará un percorrido polos universos simbólicos vencellados aos nosos gravados e aos relatos transmitidos oralmente ao redor deles de xeración en xeración.
Para finalizar as charlas, Fátima Martínez e Patricia Novas, do Departamento de Didáctica e Formación do Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre, expoñerán o traballo que se leva a cabo neste centro de referencia na divulgación da Arte Rupestre galega entre o público escolar. Co título Divulgando os petróglifos: experiencia didáctica do PAAR, compartirán o que consideran as chaves para lograr un discurso no que o alumnado comprenda o valor do patrimonio prehistórico.
O prezo é de 15 euros e se emite un certificado de participación de 8 horas.
Puede consultar el programa:
Descargar el programa de la III edición de Cazador@s de Petróglifos
Para anotarse en la jornada, hasta el día 18 de mayo, en el siguiente enlace:
Formulario de inscripción en la III edición de Cazador@s de Petroglifos
Más información en el teléfono 886151195 o en el correo formacion@paar.es