PRIMAVERA DE MOURAS E ARTISTAS

O Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre de Campo Lameiro, institución dependente da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, deseñou para esta primavera unha anovadora e ambiciosa programación trimestral que axude a consolidar o éxito de visitantes acadado o pasado ano, achegando o patrimonio a todos os públicos con propostas que integran a aprendizaxe e o lecer.

O título escollido nesta ocasión, “Primavera de mouras e artistas”, pon o foco nalgunhas das achegas e interacións fundamentais das mulleres na creación do legado patrimonial próximo, tanto material como inmaterial. Polo tanto, a indagación sociolúdica sobre as achegas femininas ao longo da historia formarán parte das actividades, talleres e eventos durante os próximos meses.

Patrimonio onte e hoxe: do ClicKultural á lembranza de Sobrino Buhigas

Precisamente, este mesmo sábado, 9 de marzo, o centro arrinca coa celebración da II edición de ClicKultural, unha cita que pretende converterse en referente no eido da divulgación patrimonial no noroeste peninsular. Trátase dunha actividade de formación aberta ao público, previa inscrición no formulario web sito en www.paar.es, que ten como obxectivo dar a coñecer e visibilizar algunhas das mellores iniciativas levadas a cabo por persoas e entidades galegas nos eidos da comunicación, a divulgación e posta en valor do patrimonio cultural.

Desta volta, o evento reunirá a sete persoas, con proxectos e puntos de vista diferentes e plenamente orixinais sobre o noso patrimonio cultural. En concreto, ClicKultural contará coa participación de dúas persoas historiadoras da arte e divulgadoras dixitais de primeiro nivel estatal nos eidos da cultura e o patrimonio, como son Eugenia Tenenbaum e Miguel Cajigal “El Barroquista”, protagonistas dun debate que se promete orixinal, ao estar enfiado coas propias propostas e preguntas achegadas polo público participante.

Ademais, tomarán parte outros profesionais e expertos como Mariña López, que falará de “Sereas. As mulleres do mar” da fundación FUNDAMAR e FUNPROMAR, un proxecto que ganduxa a relevancia social e patrimonial; as viguesas Leticia e Patricia Pérez, que presentarán Troulanda, unha axenda en liña centrada no turismo cultural efémero de Galicia e o norte de Portugal; ou David Gesteira, que lle achegará ás persoas participantes todos os segredos do recoñecido podcast “Descifrando a Historia”. Para rematar, incorpóranse a este ClicKultural antropólogos e xornalistas orientados á divulgación de aspectos relacionados co rico patrimonio inmaterial de Galicia, como Lidia Mariño, que achegará a ollada etnográfica mediante o seu relatorio “Tralas pegadas da Vella”, ou Manuel Rial, xornalista e xestor cultural dixital, que disertará arredor das súas experiencias como xestor de redes en proxectos e institucións relacionadas coa salvagarda, activación e difusión patrimonio cultural de Galicia.

Máis adiante, o 17 de maio celebraremos o Día das Letras Galegas lembrando a figura do pai da arte rupestre de Galicia, Ramón Sobrino Buhigas, caracterizado polo guía turístico e divulgador Suso Martínez, que ofrecerá unha visita teatralizada na que se combinará a relevancia cultural e a pertinencia científica co lecer e entretemento propio dunha actividade destas características.

 

Ampliación de horarios e renovadas actividades familiares

A chegada da primavera aumenta o interese dos visitantes por coñecer a paisaxe histórica de 22 hectáreas de extensión e máis de 100 petróglifos, polo que é necesario ofrecer visitas guiadas diarias pola mañá e tarde (12:30-17:30 h.). Por outra banda, o público familiar que visita principalmente o Parque os fins de semana terá á súa disposición novos obradoiros como “Adornos con historia” e “As primeiras artistas”. No primeiro deles, os máis novos aprenderán a facer un colar como o que temos na exposición permanente composto de variscita e ámbar; e, no segundo, os participantes elaborarán unha postal inspirada na arte prehistórica europea.

Pechamos a programación coa actividade que sorprendeu o ano pasado polo seu elevado número de reservas: o escape room. Este ano deseñamos unha actividade aínda máis espectacular e unha temática que evoca a unha figura mítica do folclore galego: “O tesouro da moura”. Pode facerse todos os días en grupos de 2 a 5 persoas e en tres quendas distintas (16:00-16:15-16:30h.) polo interior do Centro de Interpretación.

 

Para reservar calquera das actividades pode facerse directamente no web www.paar.es