VERÁN 2024: CAMPO LAMEIRO, TESOUROS RUPESTRES DE GALICIA

A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude pon en marcha entre as súas propostas de verán varias actividades que teñen que ver co patrimonio, entre elas as que se poderán gozar no Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre de Campo Lameiro (Pontevedra). Así, neste enclave que alberga unha das maiores concentracións de petróglifos de Europa, as familias terán unha oferta especial para achegarse á arqueoloxía de maneira lúdica.

Nas mañás de martes a venres, baixo o lema Prehistoria en familia combínanse diversos obradoiros con visitas guiadas en formato contacontos sobre a vida de Landra, unha historia que xira ao redor dunha rapaza que viviu na Idade do Bronce e descubriu a función e significado da arte rupestre.

Polas tardes organízase o escape room O tesouro da moura, que evoca a unha figura mítica do folclore galego e que discorre polo interior do Centro de Interpretación. A isto súmaselle unha proposta de ioga en familia, que se desenvolverá o 13 de xullo e o 24 de agosto.

Ademais, entre o 25 de xullo e o 25 de agosto terá lugar a terceira edición do concurso de fotografía Enfoques Rupestres, un certame que pretende incorporar a temática desta arte ao público interesado pola fotografía e, ao mesmo tempo, axudar á súa visibilización a través das redes sociais. O primeiro premio está dotado con 200 euros, mentres que o segundo conta con 100 euros.

Por outra parte, repítese a experiencia nocturna con visitas ás estacións rupestres do Parque Arqueolóxico acompañadas de iluminación especial e nas que se relatarán diversas lendas relacionadas coa figura etnográfica e literaria dos petróglifos. O público que queira aproveitar esta oportunidade poderá facelo os venres de xullo e agosto a partir das 22,00 horas co Noitepedras de Cores.

As instalacións amplian o seu horario de apertura durante a época estival para facilitar a estadía dos visitantes nesta paisaxe prehistórica de 22 hectáreas de extensión. As reservas para participar nas actividades deben facerse a través da web oficial do Parque.