Novos investimentos no PAAR para mellorar a súa infraestrutura

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, confirmou durante a súa visita a Campo Lameiro que a Xunta investirá uns 240.000 euros en melloras no Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre (PAAR) para seguir conservando, promocionando e divulgando o legado milenario dos petróglifos. Estas actuacións inclúen un estudo sobre a conservación das estacións do Parque e traballos de mantemento da infraestrutura arquitectónica do mesmo. 

López Campos apelou á “responsabilidade e tarefa compartida” da Administración e da sociedade no coidado do patrimonio por ser “un dos maiores tesouros que conforman a identidade cultural de Galicia”. Fíxoo na que foi a súa primeira visita como máximo responsable deste departamento da Xunta ao Parque Arqueolóxico de Arte Rupestre. Precisamente, López Campos indicou que esta área arqueolóxica foi un dos oito bens patrimoniais protagonistas en 2023 da campaña Por outros tantos máis, coa que o Goberno galego procurou concienciar a cidadanía sobre a  importancia do conservación e preservación do noso patrimonio e que este ano ten continuidade, tal e como precisou, a través do novo lema Que siga contando a nosa historia.

López Campos fixo fincapé en que con este tipo de campañas o Goberno galego pretende reivindicar “o inmenso valor que ten na configuración da nosa historia e identidade para as xeracións actuais e futuras”. En concreto, referiuse aos obxectivos de “fomentar a concienciación da cidadanía; impulsar o coñecemento sobre estes bens; e incentivar as boas prácticas e iniciativas de preservación que permitan que un dos maiores tesouros de Galicia sexa legado ás xeracións vindeiras nas mellores condicións”.