O Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre (PAAR), o maior centro de Galicia para comprender os enigmáticos petróglifos, súmase á celebración dos Días Europeos da Arqueoloxía (JEA) que terán lugar os días 13, 14 e 15 de xuño de 2025. Unha oportunidade única para que o público de todas as idades se achegue á historia e á investigación arqueolóxica.
Os Días Europeos da Arqueoloxía son un evento promovido polo Ministerio de Cultura francés, á que se sumaron os países membros do Consello de Europa, e coordinado polo Instituto Nacional de Investigacións Arqueolóxicas Preventivas (Inrap), que mobiliza a máis de 5000 eventos en 30 países. O seu obxectivo principal é concienciar aos cidadáns sobre a riqueza e diversidade do patrimonio arqueolóxico europeo, así como a necesidade de protexelo. En Galicia o PAAR é un dos axentes principais destas xornadas desde o seu comezo.
Programación no PAAR para toda a fin de semana
O Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre ofrece unha variada programación durante estas tres xornadas, deseñada para mergullar aos visitantes na prehistoria e no fascinante mundo dos petróglifos e da arqueoloxía.
“De caza!”: Unha experiencia teórico-práctica para aprender as técnicas de caza dos nosos devanceiros e as súas armas. Os participantes poderán practicar o uso do arco, frechas, propulsor e azagaia. Sábado 14, de 11:00 a 12:00. Todos os públicos.
Visita guiada á Área Arqueolóxica: Acompañados por especialistas, os visitantes descubrirán os principais puntos da Área Arqueolóxica do Parque e a recreación do poboado da Idade do Bronce, desvelando os enigmáticos significados dos gravados na pedra. Venres 13, Sábado 14 e Domingo 15 de xuño, de 12:30 a 13:30 e de 17:30 a 18:30. Todos os públicos.
Escape room: “O tesouro da moura”: Unha divertida aventura para nenos e familias, onde seguirán pistas e resolverán probas para recuperar o tesouro da lendaria moura de Campo Lameiro. Sábado 14 e Domingo 15 de xuño, de 16:00 a 17:00. Público familiar
Xogo interactivo: “Petroaventura”: Un xogo interactivo para aprender e pasear pola gran reserva natural e arqueolóxica do PAAR. Sábado 14 e Domingo 15 de xuño. Público familiar.
Os Días Europeos da Arqueoloxía son unha oportunidade excelente para achegarse ao patrimonio cultural, comprender a cadea operativa da arqueoloxía “da escavación ao museo” e fomentar o intercambio de coñecementos entre profesionais e cidadáns europeos.
Todas as actividades teñen prazas limitadas

