Visitas nocturnas, no solpor, xogos e experiencias para vivir a prehistoria completan a programación.
O PAAR tamén acollerá por primeira vez o festival de música Petrofest e as I Xornadas Internacionais da Arte Rupestre Atlántica
O Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre, situado en Campo Lameiro (Pontevedra), é un dos mellores espazos para vivir a prehistoria en Galicia este verán. A súa programación de xullo, agosto e setembro combinará diferentes experiencias para viaxar á Idade do Bronce, como a pintura rupestre, a caza, a cerámica ou mesmo probar a ser arqueólogo por un día.
Como gran novidade, haberá unha visita especial “na hora máxica”: o Solpor no PAAR. Unha visita guiada que se realiza no mellor momento para poder ver os petróglifos, o caer da luz do sol. Conta cun percorrido máis extenso que o habitual con remate no especial miradoiro do Outeiro das Ventaniñas.
Outro momento perfecto para contemplar algúns dos gravados milenarios máis importantes de Galicia son as Noites no PAAR. Un paseo todos os venres á luz da lúa e das estrelas escoitando lendas e desfrutando da iluminación especial que resalta todos os detalles da arte rupestre.
Reserva a túa visita nocturna!
Para o público familiar, hai dous xogos dispoñibles para pasar unha xornada divertida:
Petroaventura un xogo de orientación ao aire libre permite percorrer os sendeiros do parque mentres se descobren a súa historia e curiosidades, para chegar a ser un verdadeiro/a protector/a de petróglifos. Esta actividade está deseñada para facer en familia e con amigos.
Para os máis detectives, estará dispoñible tamén o escape room familiar máis misterioso. O tesouro da Moura é un xogo de pistas, que se realiza no interior do centro de interpretación, onde se porá a proba a habilidade para resolver enigmas.
Un evento especial cada mes
Por primeira vez, a programación do verán do Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre acolle un gran evento por mes: un festival de música, un de recreación prehistórica e outro científico.
O Petrofest encherá de música os petróglifos do PAAR o 26 de xullo. Un festival diurno que contará coas actuacións de Abril, Faia, Maruxa e Coralia Djs e a maxia de Samuel Moreno. Ademais haberá cantina rupestre, obradoiros e máis actividades por desvelar.
O 24 de agosto será a quenda de volver á Idade do Bronce grazas a Laeros, o Festival da Arte Rupestre organizado polo Concello de Campo Lameiro, coa colaboración da Xunta de Galicia. Gastronomía, recreación prehistórica e moitas novidades das que se irán dando conta proximamente.
Finalmente, o 20 e 21 de setembro terán lugar as primeiras Xornadas Internacionais da Arte Rupestre Atlántica. Un momento para reivindicar o importante legado patrimonial dos petróglifos de Galicia a nivel europeo e as súas asombrosas conexións con outros gravados de Irlanda ou Escocia. Participarán tanto investigadores do panorama galego como do internacional, con visitas e actividades especiais.
Horario ampliado
A partir do 1 de xullo o PAAR amplía o seu horario para abrir de martes a domingo de 11:00 a 21:00 horas. Toda a información e as reservas para as actividades poden realizarse a través da súa web oficial paar.es



