O PAAR transfórmase en romaría: música, maxia e baile na primeira edición do Petrofest

Abril, Faia, Maruxa Coralia Djs e a maxia de Samuel Moreno compoñen o cartel deste festival de espectáculos en pequeno formato, a pé de terra, sen escenarios, que se alóngase desde a mañá ao solpor, pensado para todos os públicos

O Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre (PAAR), situado en Campo Lameiro – Pontevedra, converterase o vindeiro sábado 26 de xullo nunha auténtica romaría cultural coa celebración da primeira edición do Petrofest. Este festival diúrno ofrecerá unha xornada única e gratuíta de música, baile e maxia en plena natureza, entre petróglifos milenarios, carballos e piñeiros.

A entrada ao recinto e ao festival será libre e gratuíta, sen necesidade de reserva previa, agás para as visitas guiadas que se realizarán ao longo do día e que requiren inscrición. O evento promete unha experiencia inesquecible onde o patrimonio, a cultura e a diversión se entrelazan.

As portas do PAAR abriranse ás 11:00h, dando comezo a unha programación variada e pensada para todos os públicos:

  • 12:00h – “Danza entre petróglifos”: Iniciación ao baile tradicional galego con María Montero. Cunha fonda experiencia en Cantigas e Agarimos, actualmente tamén forma parte do elenco habitual da compañía de danza de Fran Sieira. Ofrecerá unha introdución ao baile tradicional para poder practicar despois no concerto de Abril.  
  • 13:00h – Concerto de Abril: Nun claro do bosque, ao carón do labirinto da Área Arqueolóxica, o dúo composto por Claudia Abril (voz e percusións) e Marina Carpente (violín e voz) ofrecerá unha proposta de folk contemporáneo. Melodías tradicionais galegas e ibéricas adaptadas a sonoridades actuais, creando un microcosmos folclórico cheo de intimidade, personalidade e frescura.
  • 14:00h – Sesión de Maruxa e Coralia Djs: Paula e Tamara, baixo o nome de Maruxa e Coralia farán vibrar o PAAR coa súa selección de música galega e en galego. A súa sesión, fresca e alternativa, mesturará xéneros como o rock, a cumbia, a electrónica, o pop ou o trap..
  • De 16:00h a 18:00h – Xogos Rupestres: Actividades lúdicas para todas as idades, deseñadas para coñecer de forma divertida a época dos petróglifos.
  • 18:00h – Maxia con Samuel Moreno: O mago galego, semifinalista de Got Talent España, abraiará aos visitantes cun espectáculo moderno, fresco e xuvenil.
  • 20:00h – Concerto de Faia: A romaría culminará nun concerto íntimo e moi especial no icónico lugar da Laxe dos Carballos. Faia Díaz, xunto á harpa de Bleuenn Le Friec, reinterpretará as melodías do folclore galego nun ambiente relaxado, co sol poñéndose sobre o gran cervo gravado na rocha, un lugar xa empregado por Carlos Núñez nos seus ciclos de “Lugares Máxicos”. Faia, recoñecida co Premio Martín Códax da Música 2025 ao Mellor Proxecto de Música Tradicional pola súa obra ‘Alvela’, ofrecerá unha actuación que fusiona sons de raíz con experimentación sonora.

Actividades Complementarias e Servizos:

Ao longo do día, os asistentes tamén poderán gozar doutras propostas do PAAR:

  • Visitas Guiadas aos petróglifos: Haberá pases ás 12:00h, 17:30h e 19:00h. Estas visitas, as únicas que requiren reserva previa e adquisición de billete a través da web paar.es, permitirán coñecer en profundidade os petróglifos máis destacados, a época na que se vivía e os seus enigmáticos significados.
  • Cantina Rupestre: Dispoñible durante todo o festival para o xantar campestre e bebidas.

O Petrofest en Campo Lameiro promete unha xornada excepcional para conectar coa historia, a natureza e a cultura galega a través da música, a danza e a maxia, nunha contorna patrimonial única en Europa.