Laeros, festival da Arte Rupestre, un evento que mestura recreacións históricas, arqueoloxía experimental e gastronomía, volve a Campo Lameiro o próximo 24 de agosto na súa cuarta edición. O festival, organizado polo Concello de Campo Lameiro coa colaboración da Xunta de Galicia e a Deputación de Pontevedra, convídate a “vivir na prehistoria”.
O evento terá lugar na área exterior do PAAR, onde poderás mergullarte nunha viaxe ao pasado.
Actividades e experiencias prehistóricas
O festival ofrece unha variedade de experiencias para todas as idades:
- Recreación de actividades da vida cotiá: Visita o espazo de recreación onde poderás ver como se sementaban e recollían diversos cereais na prehistoria, así como proceso final para elaborar diferentes alimentos coa colaboración de Andrés Teira e a asociación Tir na N’Og.
- Xogos rupestres: Participa en xogos lúdicos inspirados na arte rupestre e crea obras de land art con elementos da natureza.
- Poboado na Idade do Bronce: A asociación Tir na N’Og e as mulleres rurais de Campo Lameiro amosaranche como era a vida nun poboado da Idade do Bronce. Ademais, poderás ver unha demostración de fundición de metal para crear unha machada de bronce, unha experiencia de arqueoloxía experimental.
Descubre a arte rupestre da man de expertos
O festival ofrece a oportunidade de explorar o patrimonio do PAAR con dúas visitas guiadas de balde:
- Visita arqueolóxica: Pola mañá, a arqueóloga Patri Novas guiarate polos principais petróglifos do Parque.
- Visita teatralizada: Pola tarde, Suso Martínez dará vida a Sobrino Buhigas, un dos investigadores máis importantes dos petróglifos de Campo Lameiro, nunha visita chea de historia e teatro.
Lembra: É preciso reservar con antelación a través da web para estas actividades.
Música e novidades
O festival estará amenizado pola música do grupo infantil de Campo Lameiro, Cantalúa, que abrirá o evento, xunto coa coral polifónica de Campo Lameiro, e do grupo Cantos da Terra, que lle porá ritmo á comida.
Como novidade deste ano, premiarase a mesa mellor vestida cun lote de comida (20 persoas) para a edición de 2026. Un incentivo máis para gozar do día en familia ou con amigos!
Estás listo para esta experiencia única?

