O Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre (PAAR) de Campo Lameiro acollerá os días 20 e 21 de setembro as I Xornadas Internacionais da Arte Rupestre Atlántica, unha iniciativa que traerá persoas especialistas no mundo dos petróglifos de Irlanda, Escocia, Portugal e Galicia. As xornadas están organizadas pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia.
A Arte Rupestre Atlántica representa un patrimonio compartido que conecta Galicia, Portugal e as Illas Británicas a través de expresións culturais e simbólicas comúns da Prehistoria. Esta iniciativa ten como finalidade promover un espazo de cooperación entre universidades, museos, centros de interpretación e colectivos especializados, co obxectivo de afianzar o papel de Galicia como un territorio de referencia na investigación, protección e divulgación desta tipoloxía de arte rupestre.
Programa e relatorios destacados
As xornadas contarán cunha serie de obradoiros, charlas e conferencias impartidas por expertos de renome internacional.
Sábado, 20 de setembro: Obradoiros e Seminarios A xornada do sábado está centrada en actividades prácticas e de campo.
- Obradoiro de Restauración da Arte Rupestre: Alejandro Javier Pujales, conservador-restaurador especializado en Arqueoloxía, abordará a investigación e aplicación de métodos para o control de liques e musgos en petróglifos.
- Obradoiro de Rexistro e Fotogrametría 3D: O grupo GEPN-AAT da Universidade de Santiago de Compostela, integrado por Alia Vázquez-Martínez, Miguel Carrero Pazos e Alexis Maldonado Ruiz, presentará un proxecto de fotogrametría para a documentación da arte rupestre de Campo Lameiro.
- Visita guiada e nocturna: O programa inclúe unha visita en microbús polos petróglifos estudados por Ramón Sobrino Buhigas e Sobrino Lorenzo nos concellos de Campo Lameiro e Cerdedo-Cotobade. Ademais, haberá unha visita especial nocturna aos petróglifos do PAAR.
Domingo, 21 de setembro: Charlas e Conferencias O domingo será o día das conferencias, con intervencións sobre as últimas investigacións e a conservación da arte rupestre.
- Xosé-Lois Armada (INCIPIT-CSIC) falará sobre “As conexións Atlánticas durante a Idade do Bronce”.
- Joana Valdez-Tullet (Durham University) presentará un relatorio sobre o pasado, presente e futuro da arte rupestre atlántica.
- Elizabeth Shee Twohig (University College Cork), experta en arte rupestre atlántica e arqueoloxía do Neolítico e da Idade do Bronce en Irlanda, intervirá sobre a continuidade e transformacións na arte megalítica irlandesa.
- Fernando Carrera, ex director da Escola de Restauración de Bens Culturais de Pontevedra, compartirá reflexións sobre a conservación da arte rupestre.
- Elena Cabrejas (INCIPIT-CSIC) presentará o proxecto “Laxe dos Bolos, o coloso descoñecido da Arte Rupestre Atlántica”.
- Sofía Figueiredo-Persson (Universidade NOVA de Lisboa) centrarase na mediación cultural a través de imaxes e experiencias.
O evento pecharase cunha mesa redonda que permitirá identificar liñas de cooperación e fortalecer redes internacionais para a documentación e conservación do patrimonio rupestre. Ademais haberá unha visita guiada para coñecer de preto o Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre.
AQUÍ PODES DESCARGAR O PROGRAMA COMPLETO
Inscríbete!
Podes participar só o sábado? Só o domingo? Queres vir os dous días? Non hai problema!
Fai a túa reserva de maneira gratuíta escollendo os días que poidas vir. Hai un número limitado de inscricións, así que non demores a túa inscrición!
Se tes dúbidas co programa ou coa inscrición consulta connosco no +34 886 151 195 ou en info@paar.es

