CURSOS

II JORNADA DE “CAZADORES DE PETROGLIFOS” (2 de abril do 2022)

El Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre presenta la II XORNADA DE CAZADORES DE PETRÓGLIFOS con el objetivo de ofrecer un espacio de encuentro entre investigadores y colectivos alrededor de trabajos recientes sobre arte el rupestre prehistórica do NW.

O Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre de Campo Lameiro presenta unha II edición da Xornada “Cazadores de Petróglifos” que se celebrará o vindeiro sábado 2 de abril co fin de divulgar proxectos recentes que teñen como protagonistas aos petróglifos galegos. O evento ten por unha parte de charlas e por outra de tempo de preguntas e debate.

Investigadoras, persoal de administracións e representantes de colectivos e asociacións compartirán co público asistente os seus proxectos e traballos recentes ao redor da Arte Rupestre galega. Un día para aprender e reflexionar sobre o panorama galego desde diversos puntos de vistas.

A primeira charla será ás 10.30h, da man de Begoña González Aguiar, doutora en Prehistoria pola UNED coa tese doutoral “Los grabados del suroeste de Lugo. Análisis tecnológico” de 2019. Na súa intervención compartirá parte da súa investigación sobre o contexto e a tecnoloxía asociada aos petróglifos galegos. A xornada ábrese así cunha visión sobre “A creación dun gravado rupestre. Contexto e tecnoloxía”, unha oportunidade para aprender sobre as características asociadas ao proceso de gravado, que vai desde a elección do lugar e o soporte, ao abastecemento dos materiais necesarios e a formación das imaxes.

A segunda ponencia será levada a cabo pola arqueóloga Elena Cabrejas, do instituto de Ciencias do Patrimonio (INCIPIT) do CSIC, coordinadora dos traballos en “Laxe dos Bolos: o xigante que espertou dunha longa noite de pedra”. Un petróglifo que ten unha riqueza iconográfica sen igual no Monte Xiabre e que forma parte dunha intervención promovida polo concello de Caldas de Reis en 2021.  

A charla de Ángel Eiroa, técnico de turismo da Deputación da Coruña, versará sobre o proxecto Compostela Rupestre, que nace co fin de conservar, valorizar e xestionar os gravados en pedra dos concellos de Ames, Brión, Compostela, Teo e Val do Dubra. Trátase dun futuro parque arqueolóxico con vocación de dinamizar o medio rural e conectalo coa urbe compostelá. Na web de Compostela Rupestre pódense consultar os esforzos que se teñen levado a cabo na divulgación dos petróglifos desta comarca.

Tras un tempo de preguntas e debate, pola tarde retomarase a xornada coa aportación de diferentes colectivos galegos que loitan pola preservación e divulgación do noso patrimonio rupestre.

Ás 16h, Manuel Miranda falará en nome da asociación sociocultural Mariña Patrimonio, que leva en activo desde 2008 defendendo e dando a coñecer o patrimonio arqueolóxico sobre todo da comarca da Mariña Lucense, labor que se pode seguir no seu blog Mariña Patrimonio. Neste tempo poderemos escoitar como é a experiencia atopando petróglifos nunha área do NE da nosa comunidade moitas veces esquecida.

Paz Castro, representante do Colectivo Monte Pituco de Pornedo, en Marín, compartirá a súa traxectoria de moitos anos de activismo social, cultural e ambiental que permitiu preservar e divulgar os sitios arqueolóxicos prehistóricos desta privilexiada contorna da bisbarra do Morrazo. Unha labor reivindicativa que recuperou a memoria da veciñanza concienciando do imprescindible que é coidar un patrimonio vulnerable que non sempre conta coa protección axeitada.

Para finalizar as charlas, contaremos coa presenza de Lucía Santiago da Asociación Cultural Os Penoucos, artífices do proxecto web obaixoulla.gal, un catálogo dixital aberto de elementos patrimoniais, naturais e paisaxísticos dos concellos de Catoira, Dodro, Padrón, Pontecesures, Rianxo e Valga clasificados e xeolocalizados con mapas libres e dispoñibles online. Lucía falará de como se xestou este proxecto colaborativo, compartindo unha forma inspiradora de divulgación dixital mediante catálogo aberto.

 

DESCARGA O PROGRAMA II XORNADA DE CAZADORES DE PETRÓGLIFOS

 

     RESERVA A TÚA PRAZA

 

 

“CAZADORES DE PETROGLIFOS” (5 de septiembre del 2020)

A cultura segue no Parque Arqueológico de Arte Rupestre coa presentación da I XORNADA DE CAZADORES DE PETRÓGLIFOS adaptada ós novos tempos: ARTE RUPESTRE SEGURO.

O Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre (PAAR), no concello de Campo Lameiro, ofrece unha actividade formativa centrada na divulgación dos traballos recentes sobre a arte rupestre galega, tanto desde a óptica dos investigadores como das diferentes asociacións que protexen e divulgan o patrimonio cultural do seu territorio.

Entre os arqueólogos investigadores contamos coa participación de Arturo Lombera-Hermida (USC), codirector do proxecto da Arte Paleolítica de Cova Eirós en Triacastela. Beatriz Comendador (Uvigo) comentará os novos retos que requiren as novas pinturas de Arte Esquemática localizadas recentemente nas provincias de Ourense e Lugo. E pechará este apartado Alia Vázquez (USC) presentando os resultados da súa tese de doutorameto do pasado ano, na cal realiza unha análise en profundidade dos petróglifos do Sur de Galicia, principalmente o Baixo Miño.

O outro grupo confórmano os colectivos de diferentes lugares de Galicia que participan de forma activa na localización e socialización da arte rupestre como o Instituto de Estudos Miñoráns- Sección Arqueoloxía (Val Miñor) e o Colectivo A Rula (Comarca de Santiago). Ademais doutras asociacións de defensa do patrimonio cultural do seu territorio que teñen destacados traballos relacionados coa arte rupestre: Capitán Gosende (Terra de Montes), Terra de Trasancos e Patrimonio dos Ancares.

Esta actividade formativa ten un prezo de 15 euros, e chegaría aos 25 euros se queremos un menú na cafetaría do PAAR a cargo do Chef Jorge Caeiro de Casa Tito de Campo Lameiro. Inscricións só na nosa páxina web: www.paar.es. Máis información no teléfono 886151195 ou correo formacion@paar.es. Aforo limitado a 30 prazas.

AFORO COMPLETO

DESCARGA O PROGRAMA