CARTEL SEMANA SANTA CAMPO LAMEIRO_bc
ExhibiciónLume_bc

SEMANA SANTA 2023 NO PAAR: “GALICIA É ARTE RUPESTRE”

Cartel da Semana Santa en el PAAR 2023.

O Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre deseñou unha programación especial para a Semana Santa do 2023 con máis actividades diarias, obradoiros, visitas guiadas, e exhibicións de lume gratuítas e agasallos durante todos os días, a semana comprendida entre o martes 4 e 9 de abril.

Cada día comezaremos cos obradoiros familiares “Cerámica coas túas mans” ou “Pintura Rupestre” ás 11:30 h. que continuarán pola tarde con outros obradoiros para rapaces de máis de 10 anos, a partir das 17:00 h. e coas seguintes temáticas: “Caza na Prehistoria” ou “Graffitis no pasado”. Ademais, o público poderá escoller entre varios horarios de visitas guiadas á área arqueolóxica realizadas por un monitor/a especializado en arte rupestre. O custe de ámbalas actividades é de 3 euros por persoa, ademais do prezo da entrada xeral (3 euros) ou reducida ao PAAR (1,80 euros). 

Por exemplo, unha persoa con entrada xeral e que reserva unha actividade de 3 euros pagaría finalmente 6 euros, e se forma parte do seguinte colectivo (familia numerosa, +65 anos, grupo +10,  estudantes ou persoas con discapacidade) compraría a entrada reducida e pagaría en total 4,80 euros (1,80 euros pola entrada reducida e 3 euros pola actividade).

Obradoiro de Caza en la Prehistoria recomendado para rapaces de máis de 10 años.

A novidade do presente ano será a oferta gratuíta de dúas exhibicións de lume diarias, ás 13:30 e 19:30 h., na entrada do Centro de Interpretación coa intención de que o público coñeza como se facía lume durante a Prehistoria. Por outra parte, todas as persoas qeu visitan o Parque durante a Semana Santa participarán no sorteo de diferentes agasallos coa intención de apoio ao Concello de Campo Lameiro como Capital del turismo rural 2023″ del portal web Escapada Rural.

Este ano agardamos continuar co crecemento do público xeral e recibir máis de 1.500 visitantes na Semana Santa, consolidando o Parque como un dos principais recursos culturais e turísticos no interior da provincia de Pontevedra. Para todas as actividades programadas é necesaria a reserva previa, por correo electrónico (reservas@paar.es) ou por teléfono (886151195).

Cartel_web_02
Escape Room
NATUREZA DO PAAR
Noitepedras verde
Noitepedras de Cores
Obradoiros familiares
Obradoiros familiares
Concurso-de-fotografía-enfoques-rupestres-3-1452x2048
ROTEIROS-ORNITOLÓXICOS

PROGRAMACIÓN VERÁN 2022

Este ano o Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre de Campo Lameiro (PAAR) preparou unha programación especial de verán coa idea de amosar ao público a biodiversidade presente na Área Arqueolóxica do PAAR con diferentes actividades do programa especial “Coñece a natureza do PAAR”. Ademais continuarase ofrecendo a variada oferta de actividades característica do PAAR pensada para tódolos públicos e gustos:  visitas guiadas, escape room, fotografía e obradoiros familiares.

Así, cada día será posible participar nunha das tres visitas guiadas aos principais petróglifos do PAAR (12:30; 18:00 ou 19:30 h.) ou realizar un taller en familia na Área Arqueolóxica (11:15 ou 12:15 h.). Na noite dos venres (22:00h.) haberá visita nocturna especial: “Noitepedras de Cores”, que repite este verán a boa experiencia do ano anterior. A proposta de scape room “O segredo oculto do labirinto”, deseñada para grupos de amigos ampliará o seu horario, mais é precisa a reserva previa da sala. E por último ofrecemos por primeira vez todos os mércores o “Fotomaratón rupestre” para os amantes da fotografía.

Visita nocturna aos principais petróglifos do PAAR

 

Escape Room “O segredo oculto do labirinto”

 

Obradoiros familiares todos os días en función das idades dos rapaces

Mais a principal novidade do verán 2022, e coa que pretendemos afondar no coñecemento da biodiversidade natural da contorna do parque arqueolóxico ven polo programa “Coñece a natureza do PAAR” con actividades que permitirán afondar na divulgación da flora e fauna do PAAR coa colaboración de empresas e asociacións medio ambientais: “Roteiro ornitolóxico entre petróglifos” (SEO-Birdlife Pontevedra), “Flora silvestre do parque: descrición, usos e curiosidades” (Xosé Braulio) e “Roteiro de exploración da natureza en familia “Bosquinenos” (Alados Medioambiente).

 

“Flora silvestre do parque: descrición, usos e curiosidades” (Xosé Braulio)

Para anotarse a calquera das actividades citadas é necesaria a reserva previa, ben mediante correo electrónico (reservas@paar.es) ou ben por teléfono (886151195), no horario de apertura do PAAR, que durante o verán é de 11.00 a 21.00 h. de forma ininterrompida.

Dende o PAAR animámosvos a reservar un día do verán 2022 para descubrir, ou redescubrir, un museo de arte ao aire libre de 4.000 anos de antigüidade situado na capital dos petróglifos de Galicia, no Concello de Campo Lameiro. Un equipamento cultural xestionado pola Xunta de Galicia.

 
 
SEMANA SANTA 2022_WEB
SEMANA SANTA 2022 NO PAAR

SEMANA SANTA 2022

Este ano no Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre de Campo Lameiro preparamos unha Semana Santa con novas actividades. Queremos que teñas doado atopar unha escusa para volver. Anotade a nosa programación especial da SEMANA SANTA 2022:

Novas actividades:
Fotomaratón Rupestre. Fotografía a Prehistoria co teu móbil acompañada/o do fotoxornalista Manuel Blanco.
Andainas Rupestres. Roteiro especial de 3 km para coñecer a paisaxe rupestre presente nas 22 hectáreas de extensión do Parque.
Exposición temporal “A primeira Arte de Europa ollada polos europeos do futuro” de European Rock Art Trails.
 
Máis prazas de actividades para o público familiar:
Píos Miúdos. Obradoiro familiar de paxaros e arqueoloxía. Constrúe o teu niño de anduriña¡
Escape Room. Participa en grupos de 2-5 persoas con el título: “O segredo oculto do labirinto”.
 
E o clásico:
Tres visitas guiadas cada día aos principais petróglifos do PAAR.

A programación das actividades foi deseñada loxicamente para cumprir as medidas de seguridade necesarias pola irrupción do Covid-19, incidindo no distanciamento social, control de aforo e medidas hixiénico-sanitarias. Por esta razón é obrigada a reserva previa de praza en todas estas actividades no teléfono 886 151 195 ou no correo reservas@paar.es .  Grazas pola vosa atención¡

ACTIVIDADADES SEMANA SANTA 2022

 

PROGRAMA PRIMAVERA 2022

PROGRAMA DE PRIMAVERA

O Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre presenta a nova programación familiar para a primavera de 2022. Nesta daranse cita actividades como “A semana do 8 M” (A partir do 6 de marzo), unha nova edición do curso de “Cazadores de Petróglifos” (2 de abril), o escape room “O segredo do labirinto” (reserva de espazo) e a “Visita ornitolóxica” da man de SEO Bird Life-Pontevedra (10 de abril).

No entanto, a gran novidade desta edición serán os obradoiros que se desenvolverán durante as fins de semana de marzo, abril e maio. Tralo éxito do obradoiro familiar “Invernía” chega “Píos Miúdos”. De tal niño tal paxariño”. Esta actividade consistirá en dous obradoiros para toda a familia. Un de temática ambiental no que poder aprender a construír o seu propio niño de anduriña e a recoñecer algunha das especies de aves que habitan no PAAR. Este compleméntase cunha actividade arqueolóxica (caza, tecido, pintura, rexistro arqueolóxico…) que variará cada fin de semana, en función do tempo, garantindo a súa celebración en interior ou exterior.
A participación en “Píos Miúdos” ten un prezo de 6 euros por persoa tanto para adultos como para nenos, e inclúe a entrada ao PAAR durante todo o día (horario de apertura de 10 a 19 horas), polo que ao finalizar a actividade as familias poderán visitar as instalacións. O PAAR consta dunha exposición permanente interior e unha área arqueolóxica de 22 hectáreas onde están os petróglifos prehistóricos ao aire libre, e un merendeiro e área interior con mesas e máquinas expendedoras, polo que é posible traer a comida de casa para pasar o día dun xeito diferente.

PARA SINALAR NO CALENDARIO
Relacionado tamén coa ornitoloxía, o día 10 de abril haberá unha visita ornitolóxica profesional da man do grupo SEO Birdlife Pontevedra, onde durante a mañá se fará unha ruta con prismáticos para a localización das aves que habitan no PAAR.
Outra das opcións deste trimestre son as visitas guiadas que se realizan ás 12.30 e ás 17.30 horas e que percorren a parte principal da área arqueolóxica da man dunha persoa experta en arte rupestre, ou o escape room “O Segredo oculto do labirinto” pensado para maiores de 14 anos e que estará dispoñible todas as semanas nas quendas das 13.30 ou das 16.30 horas.
Na semana do 8M, a proposta para este ano é a dunha visita autónoma á exposición permanente durante a cal as persoas visitantes poderán aprender e reflexionar sobre os roles de mulleres e homes na Prehistoria e na arqueoloxía, colaborando no cambio de discurso aplicado ao noso pasado. Unha acción interactiva en colaboración coa Universidade de Vigo que pon o foco de atención na identificación do sentido de xénero por parte da cidadanía. Esta actividade estará activa desde o domingo 6 de marzo.
Finalmente, a II edición de “Cazadores de Petróglifos” reunirá en Campo Lameiro a colectivos, investigadores e persoas que están a traballar na descuberta e investigación ao redor do mundo da arte rupestre e o patrimonio arqueolóxico.

Para todas as actividades programadas é necesaria a reserva previa, por correo electrónico (reservas@paar.es) ou por teléfono (886151195).

PAARVERÁN2020GLweb
VERANO ENTRE PETROGLIFOS
VERÁN ENTRE PETRÓGLIFOS MÁIS FAMILIAR E SEGURO
PAARVERÁN2020ES

UN VERÁN ENTRE PETRÓGLIFOS MÁIS FAMILIAR E SEGURO

 

Adiantamos a nosa programación do verán que dará comezo o 19 de xuño.

O Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre de Campo Lameiro, dependente da Xunta de Galicia, adianta este ano a súa presentación da programación especial do verán coa idea de ofrecer unha proposta de ocio cultural familiar con dúas novas actividades: O Diario Perdido e Petroquiz. Mantéñense ademais as propostas de éxito do Parque, Atardeceres e Noitepedras, con renovadas temáticas e itinerarios.

As familias poderán escoller cada día entre estas dúas novas opcións. Petroquiz é unha visita guiada que remata nun divertido concurso de preguntas que ten lugar todos os días ás 18:00 horas. E o Diario Perdido é un circuíto exterior para descubrir de forma autónoma e sen límite de tempo diferentes aspectos da Prehistoria de Galicia, completando as páxinas dun antigo diario de campo. Desta maneira o público familiar continuará gozando do Parque como xa pasou con outras actividades semellantes, Invernía e Prehistorix, pero adaptándonos á nova necesidade de distanciamento social.

O público xeral ten a posibilidade de escoller tódolos días a Visita Clásica, ás 12:00 e ás 19:30 horas, que fai un percorrido polos principais petróglifos do Parque. Ou escoller outras opcións durante as fins de semana: Atardeceres (Sábados ás 19:00 horas), un paseo para descubrir a arte rupestre e paisaxe do Parque ao solpor; e Noitepedras (Venres ás 22:00 horas), unha visita guiada nocturna que este ano contará cunha iluminación orixinal con distintas cores. Dúas das mellores experiencias para coñecer a arte rupestre que se poden atopar na Península Ibérica e que este ano incorporan novidades. Atardeceres terá un novo itinerario e temática, e Noitepedras con luces led con filtros de diferentes cores.

A programación do verán 2020 foi deseñada loxicamente para cumprir as medidas de seguridade necesarias pola irrupción do Covid-19, incidindo no distanciamento social, control de aforo e medidas hixiénico-sanitarias. Por esta razón é obrigada a reserva previa de praza en todas estas actividades no teléfono 886 151 195 ou no correo reservas@paar.es.

DIMS2019G
SEMANA SANTA 2019GL

PROGRAMA DE ACTIVIDADES SEMANA SANTA 2019

O PARQUE OFRECE UNHA COMPLETA PROGRAMACIÓN DE ACTIVIDADES GRATUÍTAS (VISITAS GUIADAS E EXHIBICIÓNS) ENTRE O 16 E 21 DE ABRIL E DOUS EVENTOS ESPECIAIS (DÍA INTERNACIONAL DOS MUSEOS E SITIOS O 18 DE ABRIL E NOITEPEDRAS O 19 DE ABRIL)
O Parque pretende consolidarse outro ano máis como un recurso patrimonial e arqueolóxico de referencia entre os turistas que gozan da Semana Santa na comarca de Terras de Pontevedra e Galicia. Por esta razón deseñouse unha programación que vira ao redor de ofrecer diariamente catro actividades gratuítas (tres visitas guiadas e unha exhibición). Pódese elixir entre o horario de mañá coa visita guiada das 12:30 h. , mentres pola tarde ofrécense dúas visitas guiadas máis, ás 17:00 e 19:30 h. A modo de colofón e peche do día realizaremos unha exhibición de “Lume na Prehistoria” ás 19:45 h. co obxectivo de agradecer aos visitantes a súa presenza durante o día no Parque.


Outra posibilidade que ofrecemos esta semana Santa consiste en aproveitar dous eventos singulares que celebraremos os días de maior afluencia do público. O primeiro deles terá lugar o xoves 18 de abril con motivo da celebración do Día Internacional dos Monumentos e Sitios da UNESCO 2019. Para iso configurouse un itinerario especial que axude a ofrecer ao público un novo enfoque, unha nova mirada cara aos petróglifos e a súa relación coa paisaxe. Unha visita guiada dunha hora e media de duración con dous horarios a elixir polo público, pola mañá (12:30-14:00 h.) ou pola tarde (18:30-20:00 h.).


O segundo evento especial é a incorporación por primeira vez de NOITEPEDRAS, modalidade de visita nocturna dos petróglifos reservada aos meses de verán, á axenda de actividades de Semana Santa do Parque. Máis concretamente, será o venres 19 de abril ás 21:00 horas. Unha experiencia única para observar os petróglifos á luz da lúa e ao mesmo tempo coa luz artificial proporcionada pola espectacular instalación de luces led ao longo de diversos puntos das estacións rupestres. NOITEPEDRAS está considerada unha das mellores experiencias nocturnas para gozar a arte rupestre na Península Ibérica.


Lembramos a gratuidade das visitas guiadas e exhibicións que realizaremos diariamente desde o martes 16 de abril até o domingo 21 de abril, sen necesidade de reservar entrada previamente, só é necesario abonar o prezo da entrada xeral ao Parque. Na mesma liña son as visitas guiadas do Día Internacional de Monumentos e Sitios, de carácter gratuíto, pero é necesario realizar unha reserva previa no seguinte número de teléfono 886 151 195 ou o correo electrónico resevas@paar.es. O único servizo de pago é NOITEPEDRAS, 10 euros a entrada para os adultos e 8 euros para os nenos, sendo obrigada a reserva previa no teléfono ou correo comentado anteriormente.