O Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre deseñou unha programación especial para a Semana Santa do 2023 con máis actividades diarias, obradoiros, visitas guiadas, e exhibicións de lume gratuítas e agasallos durante todos os días, a semana comprendida entre o martes 4 e 9 de abril.
Cada día comezaremos cos obradoiros familiares “Cerámica coas túas mans” ou “Pintura Rupestre” ás 11:30 h. que continuarán pola tarde con outros obradoiros para rapaces de máis de 10 anos, a partir das 17:00 h. e coas seguintes temáticas: “Caza na Prehistoria” ou “Graffitis no pasado”. Ademais, o público poderá escoller entre varios horarios de visitas guiadas á área arqueolóxica realizadas por un monitor/a especializado en arte rupestre. O custe de ámbalas actividades é de 3 euros por persoa, ademais do prezo da entrada xeral (3 euros) ou reducida ao PAAR (1,80 euros).
A novidade do presente ano será a oferta gratuíta de dúas exhibicións de lume diarias, ás 13:30 e 19:30 h., na entrada do Centro de Interpretación coa intención de que o público coñeza como se facía lume durante a Prehistoria. Por outra parte, todas as persoas qeu visitan o Parque durante a Semana Santa participarán no sorteo de diferentes agasallos coa intención de apoio ao Concello de Campo Lameiro como “Capital del turismo rural 2023″ del portal web Escapada Rural.
Este ano agardamos continuar co crecemento do público xeral e recibir máis de 1.500 visitantes na Semana Santa, consolidando o Parque como un dos principais recursos culturais e turísticos no interior da provincia de Pontevedra. Para todas as actividades programadas é necesaria a reserva previa, por correo electrónico (reservas@paar.es) ou por teléfono (886151195).