UN VERÁN ENTRE PETRÓGLIFOS MÁIS FAMILIAR E SEGURO

 

Adiantamos a nosa programación do verán que dará comezo o 19 de xuño.

O Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre de Campo Lameiro, dependente da Xunta de Galicia, adianta este ano a súa presentación da programación especial do verán coa idea de ofrecer unha proposta de ocio cultural familiar con dúas novas actividades: O Diario Perdido e Petroquiz. Mantéñense ademais as propostas de éxito do Parque, Atardeceres e Noitepedras, con renovadas temáticas e itinerarios.

As familias poderán escoller cada día entre estas dúas novas opcións. Petroquiz é unha visita guiada que remata nun divertido concurso de preguntas que ten lugar todos os días ás 18:00 horas. E o Diario Perdido é un circuíto exterior para descubrir de forma autónoma e sen límite de tempo diferentes aspectos da Prehistoria de Galicia, completando as páxinas dun antigo diario de campo. Desta maneira o público familiar continuará gozando do Parque como xa pasou con outras actividades semellantes, Invernía e Prehistorix, pero adaptándonos á nova necesidade de distanciamento social.

O público xeral ten a posibilidade de escoller tódolos días a Visita Clásica, ás 12:00 e ás 19:30 horas, que fai un percorrido polos principais petróglifos do Parque. Ou escoller outras opcións durante as fins de semana: Atardeceres (Sábados ás 19:00 horas), un paseo para descubrir a arte rupestre e paisaxe do Parque ao solpor; e Noitepedras (Venres ás 22:00 horas), unha visita guiada nocturna que este ano contará cunha iluminación orixinal con distintas cores. Dúas das mellores experiencias para coñecer a arte rupestre que se poden atopar na Península Ibérica e que este ano incorporan novidades. Atardeceres terá un novo itinerario e temática, e Noitepedras con luces led con filtros de diferentes cores.

A programación do verán 2020 foi deseñada loxicamente para cumprir as medidas de seguridade necesarias pola irrupción do Covid-19, incidindo no distanciamento social, control de aforo e medidas hixiénico-sanitarias. Por esta razón é obrigada a reserva previa de praza en todas estas actividades no teléfono 886 151 195 ou no correo reservas@paar.es.