VERÁN NA CAPITAL DO TURISMO RURAL DE ESPAÑA 2023

 

Este ano o Parque Arqueolóxico de Arte Rupestre de Campo Lameiro, institución dependente da Consellería de Cultura, Educación e Universidade da Xunta de Galicia, deseñou unha programación especial que pretende axudar a consolidar a imaxe de Campo Lameiro como un destino de referencia no ámbito do turismo rural, seguindo os pasos das outras localidades gañadoras do título de Capital do Turismo Rural 2023 de Escapada Rural como Cazorla ou Potes.

No caso de Campo Lameiro, o compoñente que lle outorgou un valor diferencial que lle posibilitou acadar esta distinción foi a súa condición de ser unha das tres capitais de arte rupestre ao aire libre en Europa e, sen ningunha dúbida, a capital dos petroglifos en Galicia.

 

 

Acercando a arte rupestre de Galicia a todo o mundo

A programación pretende cubrir todas as franxas de idade e intereses, chegando principalmente ao público familiar e aquelas persoas interesadas en experiencias relacionadas co turismo cultural, o que inclúe, ademais, eventos destacados como o concerto de Carlos Núñez ou o Festival de Arte Rupestre “LAEROS”.

 

 

Neste sentido, as familias atoparán unha serie de actividades de martes a sábado, principalmente pola mañá, con renovados obradoiros de arqueoloxía experimental ás 11:15 h., como “Ídolos” ou “Pintura”, que se poden continuar cunha visita guiada familiar e interactiva ás 12:30 h. . Pola tarde, ás 16:30 horas, temos outra oportunidade cun Escape Room familiar polo interior do Centro de Interpretación. Os máis mozos recibirán un premio especial por participar e entrarán no sorteo dunha cesta de produtos da tenda.

O público xeral desfrutará de varias visitas guiadas de martes a domingo (12:30-18:00-19:30 h.), e terá a ocasión de experimentar como son os petroglifos pola noite, baixo o sistema especial de luces LED da área arqueolóxica, coa actividade de “Noitepedras de lendas”, que alcanza a súa oitava edición. Como novidade ofrecemos un novo concepto de “turismo slow” con dúas novas propostas, “Ioga entre petroglifos” todos os sábados ás 11:00 h., e “Baños de Bosque”, que se celebrarán o 21 de xullo e o 24 de agosto.

Por último, entre os eventos máis destacados do verán temos que mencionar o singular concerto de Carlos Núñez, o 9 de xullo, dentro da súa xira de “Lugares Máxicos”. E a segunda edición do Festival da Arte Rupestre de Galicia coñecido pola denominación de “LAEROS”, un evento para vivir a historia con diversas actividades relacionadas coa música, a arqueoloxía experimental e a gastronomía.

O horario de acceso ao Parque no verán é de 11:00-21:00 horas. Reservas en liña na páxina web: www.paar.es ou no teléfono 886151195.