LAEROS 2023: FESTIVAL DA ARTE RUPESTRE DE GALICIA

Este ano celebramos o 20 de agosto a segunda edición de “LAEROS”, o Festival da Arte Rupestre de Galicia, organizado polo Concello de Campo Lameiro coa colaboración do Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre (PAAR) e o orgullo de engadir á consideración de Campo Lameiro como a “Capital galega da Arte Rupestre”, o título de “Capital de Turismo Rural de España” 2023 polo portal EscapadaRural.

 

PROGRAMA DE LAEROS 2023

“LAEROS” é un evento lúdico e festivo para “vivir a prehistoria”, concretamente a época dos petróglifos, con diversas actividades no eido da arqueoloxía experimental, música e gastronomía. Comezaremos o domingo pola mañá cun espazo na entrada do Centro de Interpretación dedicados a obradoiros e exhibicións relacionadas coa cerámica prehistórica realizados pola Fundación Terra Termarum de Castrolandín, a cooperativa Árbore Arqueoloxía, o equipo de Didáctica do PAAR e a arqueóloga e investigadora Cris Segade. A continuación, dentro da Área Arqueolóxica observaremos o lento proceso de elaboración de carne de vacún ao espeto, e outro espazo reservado para exhibicións e obradoiros de caza, pintura e graffitis. Máis adiante, seguimos co mercado de artesanía que nos indica a proximidade do poboado da Idade do Bronce, onde teremos a ocasión de ollar unha recreación da vida cotiá da tribo dos “LAEROS” que ocuparon fai miles de anosa o curso medio do Val do Lérez. Esta actividade conta coa presencia da asociación de recreación histórica Tir Na n’Og e a asociación de mulleres de Campo Lameiro. A arqueóloga Nina aproveitará para explicar o seu traballo de construción dunha nova cabana do poboado.

O apartado musical corresponderá na sobremesa da comida ao grupo Cantos da Terra. Os Encerrellados continuarán ás 17:00 horas, e unha hora depois, teremos a oportunidade de gozar  dunha visita guiada-musical de Cantalúa ás 18:00 horas. Pechará o evento de novo o grupo Os Encerellados ás 20:00 h.

Agardámosvos coa vestimenta que vos permita “vivir a prehistoria” e así gañar o premio “LAEROS” de 200 euros para consumir no comercio local. E por último, lembrade de reservar axiña o voso lote de asado de vacún (1o ou 20 persoas) porque é a única maneira de garantir a túa participación no xantar prehistórico de “LAEROS”.